CRTVG

Buscar

No bico un cantar

Adiós ríos, adiós fontes

15/02/2014 20:30 h

   A historia dunha despedida, a dun dos milleiros de galegos que, movidos pola miseria, tiveron que emigrar. Isto é o que evoca “Adiós ríos, adiós fontes”. O poema que o inspirou foi publicado por vez primeira en 1861, pero a data máis coñecida é a de 1863, cando se publicou a primeira edición de “Cantares Gallegos”.

   Este adeus de Rosalía de Castro foi musicado por varias artistas, pero é a melodía dun berciano, Amancio Prada, a que quedou gravada no repertorio colectivo. Comezouse a entoar cando o artista, acabado de chegar de París, publicou en 1975 o seu primeiro disco, integramente dedicado á escritora de Padrón.

   Na edición desta semana, “No bico un cantar” situará o contexto histórico e social en que Rosalía escribiu este poema e a escritora Marina Mayoral falará do seu significado. O programa pararase tamén no momento en que Amancio Prada se atopou cos poemas da autora do Sar e fará un percorrido pola vida do berciano, achegándose ás paisaxes da súa infancia e á súa casa natal.

   Na parte musical do programa, ademais da versión de Amancio Prada, a máis popular de todas as que se fixeron de “Adiós ríos, adiós fontes”, escoitamos as de Guadi Galego, a da soprano Laura Alonso, a versión para piano de Xaime Estévez, a do grupo A Cámara Baixa, a do coro de Cantigas e Agarimos e a máis pop de todas, a que trae Moon Cresta. Tamén a cantante Lucía Pérez fai unha versión baseada na melodía de Amancio Prada e a artista viguesa Aíd interpreta o poema a ritmo de rap.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: