Actualizad@s

Actualizad@s . Cap. 55 ( Vocacionais)

25/12/2011 - 23:45 h
Compartir en Facebook

 Hai traballos, independentemente do seu recoñecemento social ou remuneración, que precisan dun plus vocacional para poder exercelos e gozar a un tempo. Son especiais as persoas que os desempeñan ou, sinxelamente, son xente que se divirte co que fai? Este domingo “Actualizad@s” percorre Galicia na busca de homes e mulleres que viven con auténtico entusiasmo o seu oficio ou afección.

Os reporteiros do programa achéganse a Pedornes, en Oia, para compartir experiencias con Xavier Garrido, percebeiro de profesión e canteiro por devoción. Tamén se trasladan ás escolas unitarias que forman o Centro Rural Agrupado de Ponteceso, onde Rosa Barreiros exerce como mestra apaixonada.

No Seminario Maior de Ourense, dous estudantes desvelan a orixe da súa vocación sacerdotal e comparten cos espectadores o día a día no centro relixioso. Ademais, na Coruña Beatriz Fernández, doula convencida, explica o seu labor como acompañante doutras mulleres no camiño á maternidade.

A entrega deste domingo complétase cunha reportaxe sobre a experiencia vital dun grupo de veterinarios composteláns; e a historia de Miguel Iglesias, home entregado ao Rápido de Bouzas (equipo vigués de Terceira División) desde hai 50 anos.

 

Valoración
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí.