CRTVG

Buscar

Actualizad@s

Capítulo 42: "Pobos de estrada"

18/09/2011 23:00 h
  • A GUDIÑA: A Gudiña é un caso atípico. Antes da chegada da autovía das Rías Baixas, os autobuses a Madrid, Alemaña e Suíza facían parada neste concello. Coa entrada en funcionamento da A-52, o municipio segue a ser punto de descanso obrigatorio, polo que moitos veciños viven dos viaxeiros. Achegámonos ao Hostal A Madrileña, un clásico na vila, e coñeceremos o día a día dos seus propietarios. Tamén visitaremos o Hostal Relojero, o Mesón Erosa e a Carnicería Nieves, onde paran moitos camioneiros en ruta. Ademais, Xosé Cruz, un policía local, fala dos cambios que se produciron na Gudiña nos últimos anos.
  • PALAS DE REI: Palas de Rei, lugar de paso moi concorrido na N-547 entre Lugoe Santiago, tamén é parada obrigada do Camiño de Santiago. Comezamos no Hostal Pensión Vilariño con Adrián, o fillo dos donos que atende o negocio e,ademais, adora os cabalos. Todos os días entra en contacto con multitude de peregrinos, comerciantes e veciños que paran no seu establecemento para almorzar. Alí coñeceremos a Gustavo Porto, un ebanista local co que compartimos unha xornada de traballo na súa carpintería. Tamén acompañamos a Luís, un comerciante de roupa que ensina un mostrario na tenda de Marita.
  • A CAÑIZA E PARAÑOS: A localidade de Paraños (O Covelo) viviu os seus tempos de gloria antes da inauguración da A-52. Lugar de paso na N-120 entre Vigo e Ourense, estaba cheo de restaurantes e pequenos establecementos que ofrecían todo tipo de productos a transportistas e pasaxeiros. Os empregados da gasolineira, un dos poucos negocios que resisten, lembran aquela época con nostalxia. De alí partimos cara A Cañiza, tamén na N-120, que estes días recupera o seu esplendor co peche dun dos carrís do túnel por obras. Visitamos o Pirri, famoso polos seus bocatas de xamón, e a área de servizo, onde topamos historias singulares de vida ao carón da estrada.
  • O NOVO GUITIRIZ: Guitiriz tenta reinventarse tras a chegada da autovía A Coruña-Madrid. Antes atraía moitos viaxeiros de paso que facían esta ruta, pero agora cada vez son menos os que paran por casualidade. Por esta razón, o concello mudou de estratexia e traballa por captar visitantes publicitando os seus principais encantos: as termas, a torta de millo e a canteiría. No Hotel Balneario coñecemos as dúas caras da moeda: a dos traballadores locais e a dos clientes; na panadería A Esquina, topamos historias de onte e de hoxe; e no obradoiro dun canteiro local, Ramón Villar Gómez, descubrimos as orixes do oficio nesta localidade.
  • ORDES NA N-550: Xosé Luís é o neto do fundador do Nogallás, un hotel-cafetería-pastelería situado no centro de Ordes, na N-550. Durante anos foi lugar de paso obrigado para os que facían a ruta Santiago-A Coruña, pero coa chegada da AP-9 perdeu, pouco a pouco, o peso que tiña. No negocio, inaugurado no 1935, traballa unha boa parte da familia. Coa nai, Lourdes, damos un paseo polo pobo para comprobar de primeira man os cambios que se produciron tras a posta en funcionamento da autoestrada. Visitamos, entre outros locais, unha tenda téxtil e un ximnasio onde a vida continúa grazas aos clientes que veñen doutros puntos da comarca.
  • O TUI DA PONTE VELLA: Manolo rexenta o Super Porto, orientado sobre todo ao público portugués, dende hai 36 anos. É un dos poucos establecementos deste tipo que quedan nas aforas de Tui, xusto antes da Ponte Vella Internacional, na N-551. Antes da inauguración da autovía, estaba sempre ateigado porque as caravanas de coches eran inmensas, pero hoxe en día só aspira a sobrevivir. Naqueles tempos, Alexandro tamén facía moito negocio coa venda de lotería nun bar próximo á aduana. Agora trasladou o negocio ao centro da vila porque o paso fronteirizo quedou morto.

Atopar capítulo por: