CRTVG

Buscar

Actualizad@s

Capítulo 41: "Vida de feirante"

11/09/2011 23:00 h
  • FEIRA DE CELANOVA: Xosé Luís é o encargado de abrir a praza de abastos de Celanova ás oito da mañá. Ademais, todos os xoves ten que cobrarlles as taxas aos vendedores itinerantes que instalan os seus postos na feira da vila. Acompañámolo durante unha xornada de mercado e coñeceremos algúns dos feirantes habituais cos que mantén unha relación de amizade. Un deles é Antonio Corbullón, un home que vende cebolas para reprantar xunto coa muller e coa filla. Quedamos con esta familia até o final da feira para afondar, xa na casa, no quefacer cotiá de todos os seus membros.
  • FEIRA DE CARBALLO: Pontecesures é terra de churreiros. Neste municipio conviven dezaoito ambulantes que ofrecen churros de feira en feira. Entre eles está Benedicta, unha muller á que veremos armar o seu posto en Carballo coa axuda do seu neto Dani. Coñeceremos de preto o traballo desta familia afeita a montar e desmontar o negocio cada día nun sitio distinto. Tamén nos achegamos ás súas historias persoais na gran casona que habitan ás beiras do río Ulla.
  • FEIRA DE SABARÍS-BAIONA: Todos os luns hai feira en Sabarís (Baiona). Alí comeza a semana Xosé Lois Vilar, o froiteiro máis falangueiro da comarca. Simpático e adulador, en todos os mercados conta cunha clientela fiel que se deixa seducir pola súa gracia. En plena actividade, preséntanos os seus compañeiros e tamén algúns dos seus compradores habituais. Fóra do posto, amósanos a súa outra gran paixón, a arqueoloxía, que ocupa unha boa parte do seu tempo de lecer.
  • FEIRA DE RIOTORTO: Riotorto organiza este ano a V Feira da Artesanía do Ferro. O concello, de gran tradición ferreira, aínda conta cunha vintena de persoas que continúan no oficio. Pepe ten unha fragua que herdou do seu pai. Dúas veces por semana vai polas feiras vendendo as pezas que fabrica. Visitamos o seu posto na feira de Riotorto, onde coincide con outros compañeiros de profesión, e acompañámolo a casa. Alí relata en primeira persoa as súas vivencias persoais e laborais.
  • FEIRA DE CANGAS: A feira con máis sona do Morrazo é a de Cangas. Centos de ambulantes comparten clientes nesta vila mariñeira cada martes e venres. Da man dunha vendedora habitual tentamos achegarnos a este estilo de vida. Feirante de roupa, facémoslle un seguimento dende primeiras horas da mañá, cando monta o posto coa axuda da filla, ata o mediodía. Entrementres, coñecemos algúns compañeiros de faena e os compradores habituais. Todos relatan as súas experiencias profesionais e vitais, dentro e fóra do contorno laboral.
  • FEIRA DE BECERREÁ: Pepe "O Virigo" é feirante de gando vacún e bovino. Vive nunha aldea en Navia de Suarna e todos os 3 e 19 de cada mes acode á feira agrícola e gandeira de Becerreá. Ademais de transportar o seu gando até o mercado máis sonado da comarca, pasa toda a noite recollendo o gando doutros para vendelo cedo na feira.

Atopar capítulo por: