CRTVG

Buscar

Actualizad@s

Capítulo 70: "Apaixoados"

15/04/2012 23:45 h

Moitas persoas viven intensamente enganchadas a unha paixón irrefreable. Son xentes singulares capaces de converter unha afección na razón da súa existencia. Este domingo “Actualizad@s” achega a experiencia de cinco apaixonados polo teatro, o deporte, o tuning, os cromos e a arte.

Desde que perdeu a vista con 24 anos, Yésica Val vive o teatro con auténtica paixón. Todas as semanas, deleita o público con algún monólogo, en que trata a propia cegueira con moito humor. Os reporteiros do programa comparten na Coruña os éxitos da súa posta en escena.

A continuación, trasládanse a Becerreá, onde se atopa o primeiro ximnasio de Galicia autoxestionado polos usuarios. O que comezou como unha sala caseira de adestramento rematou por converterse no Gym Tonic, un local onde practican deporte sesenta veciños unidos pola súa afección ao exercicio físico.

Ademais, achéganse a Baiona para comprobar o furor que está a causar o álbum de cromos do Erizana Club de Fútbol, o equipo local, en que aparecen retratados os xogadores de todas as categorías. E no porto de Vigo, descobren a paixón de Argentino, un vendedor de marisco de 58 anos tolo polo tuning. Na súa casa de Samil, garda tres coches personalizados, habituais nos concursos de motor máis prestixiosos de Galicia.

A entrega deste domingo complétase coa historia dun grupo de artistas veteranos entregados á arte e á literatura. No baixo de Manuel Balo, no barrio vigués do Calvario, organizan cada día un faladoiro en que intercambian impresións, anécdotas, creacións e poesía.

 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: