CRTVG

Buscar

O país máis grande do mundo

Achegámonos ata Nova York, Australia, Suíza e Londres

26/01/2016 22:45 h

Viaxamos a Nova York, unha cidade afectada pola tormenta Jonás. A reporteira Aida Bao puido comprobar de primeira man os efectos do temporal de neve da man de Elena Pérez Canal, unha ourensá responsable de introducir a marca galega Aceites Abril nos Estados Unidos.

Tamén imos ata Suíza, concretamente en Zúric, onde coñecemos a todo un artista da cociña: Emilio González. Este galego da Grixoa rexenta desde hai máis de 25 anos o restaurante González, un dos máis coñecidos no país helvético. Pero ademais, Emilio é un apaixonado da música e chegou a tocar con grandes artistas como Ana Kiro, Os Tamara ou Manolo Escobar co seu grupo Los Condors.

No outro extremo do mundo, na cidade de Ballarat, en Australia. Alí, no restaurante Sault, traballa Santiago Nine, un rianxeiro que leva xa case seis anos no país elaborando receitas con produtos galegos.

Coñecemos a Andrea González, unha rapaza de Tui que, ós seus 29 anos, é pianista profesional. No Reino Unido está estudando un mestrado de música na Universidade de Westminster cunha bolsa da Fundación Barrié de la Maza. Andrea xa deu concertos por todo o mundo, foi premiada nalgúns dos concursos máis prestixiosos de España, Portugal ou Italia; e dirixe o Festival Internacional de Tecla da Eurocidade Tui-Valenҫa do Minho.

Falamos sobre os indianos, os galegos que emigraron a América no século pasado e que retornaban a Galicia con cartos abondo para construír casas tan espectaculares como as que se conservan no Concello de Fene. Alí, visitamos tres delas: a casa da señora Belia, a chamada Casa da Maleta e o Cine Adriano, onde se proxectaron algunhas das películas máis populares dos anos 50 e 60. Entre elas, películas protagonizadas por Jorge Negrete, como o rememoramos falando co seu neto, Jorge Rafael Negrete.

No plató estará Manuel García, un veciño de Cedeira que se converteu recentemente en heroe para todos os galegos ao participar no rescate do barco coruñés Novo Jundiña.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: