CRTVG

Buscar

Aquí Galicia

Abadín

04/11/2017 16:30 h

O equipo de “Aquí Galicia” acode á Feira de Santos de Gontán, no municipio de Abadín, unha das máis importantes da comarca da Terra Chá e de toda Galicia. O espazo, que presentan Lucía Rodríguez, Juan Fuentes e Bernardo Montaña, realiza un percorrido pola súa historia e as repercusións que ten este día na zona.

Para coñecer máis Abadín, “Aquí Galicia” visita lugares destacados como a igrexa parroquial de santa María de Abadín e de Santiago de Baroncelle, e percorre as serras de Cadramón e do Xistral, reservas naturais protexidas, que reúnen unhas condicións inmellorables para o sendeirismo e para o turismo verde, en xeral. Por este concello pasa unha variante do Camiño de Santiago, coñecida como Camiño do Norte. O programa interésase por este traxecto e diríxese ao albergue de peregrinos que hai en Gontán.

A práctica de deportes de aventura tamén é unha das propostas recomendables que alberga Abadín. Neste municipio hai espazos para realizar  escalada, trekking, barranquismo, espeleoloxía, rafting, paint-ball, tiro con arco, mergullo, paramotor ou quads. No apartado gastronómico, “Aquí Galicia” fala das variadas Denominacións de Orixe que teñen neste municipio (Pataca de Galicia, Grelo Galego, Chourizo Galego, Lacón Galego, Botelo Galego, Queixo Tetilla e Queixo San Simón) e propón a degustación dos seus afamados grelos en variedade de empanadas. O programa goza tamén de sobremesas e doces de outono. 

O programa está amenizado coas actuacións da banda de gaitas Mato Vizoso, de Vilalba; do grupo de baile tradicional Arume, de Burela; da academia de baile Edro Dance, de Vilalba; e de Iván Edrosa, cantante natural de Abadín, que participou no concurso Recantos de “Luar” e estivo en diversas orquestras, como Royal Orquestra, Grupo de Moda e Orquestra Compostela.  

 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: