CRTVG

Buscar

A vida do mercado

Cap. 7. Carballo (10/03/2012)

10/03/2012 15:30 h

 Percorrer as prazas e mercados para coñecer a vida interior das vilas e cidades galegas, preto dos que aman os produtos da terra, é o que fai esta serie documental, que se mete non só nos espazos, senón tamén nos sentimentos dos veciños e veciñas deixándolles falar como os auténticos protagonistas que comparten historias de todos os días.

  Este sentimento é precisamente o que se produce na visita do mercado de Carballo, capital da comarca de Bergantiños e sen dúbida o corazón económico e social da vila, que recolle a tradición de feiras que teñen séculos de antigüidade. A xestión deste mercado faise a través dunha concesión privada da que é responsable Eduardo Gómez, que nos explicará como se organiza a praza e cales son os seus produtos estrela.
 
    Ao formar parte tamén o mercado de Carballo  da Costa da Morte”, unha das zonas de maior produción pesqueira de Galicia, hai casos como os de Míriam Rodríguez e Abel Veciño, un matrimonio de Malpica que ten un posto de peixe. Pero non só do mar vive o home, porque aquí tamén hai boa carne, algo do que dá boa conta Alfredo Castro, mozo carniceiro que nos dará a receita de “libriño” de lombo e queixo.
 
    Un dos produtos de máis sona de Carballo é o seu pan, que se fai con trigo do país e moito agarimo, algo do que deixan constancia Nuria Zache e Victor Búa, un matrimonio novo que teñen un forno onde fan pan e outros produtos. Coñeceremos a esta parella desde o seu posto no mercado, que nos aprenderán a facer o “pan de ovo”, un pan doce típico da Costa da Morte.

   Outra historia que atopamos neste percorrido é a de Norbina Gomes e Manuel Regueiro, que coñeceremos na explotación apícola deste matrimonio, onde se produce unha parte importante do mel que se vende no mercado; tamén atopamos a Fidelina Viña, que comezou a traballar con só 12 anos cosendo polas casas da comarca e agora realiza estes traballos de costura nunha tenda próxima ao mercado, onde confecciona unhas pezas de roupa que en Carballo teñen tan boa fama como o seu pan: o costume de comprar “a roupa para a viaxe”.

 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: