Os espectadores de “A Solaina” poderán hoxe coñecer de preto como se realiza un vídeo musical, xa que o programa da TVG achegarase en directo á Escola de Imaxe e Son de Vigo, onde estes días se grava “Área 51”, o primeiro vídeo do grupo Overhear, unha banda que se creou a principios de 2010 e que desde entón non parou de crecer no ámbito musical, converténdose en gañadora da quinta edición do Festival EISV Music.
O magazine da Galega terá como convidado no estudio a Carlos Carballa, o picadiscos máis coñecido da comarca de Portonovo, que saltou hai unhas semanas ás páxinas dos xornais por ser un dos superviventes do naufraxio do Costa Concordia. Carballa falará da súa dramática experiencia e da súa faceta profesional.
“A Solaina” tamén recibirá esta tarde a visita do actor galego César Cambeiro, quen interpreta o mordomo na serie da TVG “Padre Casares”, un personaxe que está a ser protagonista de moitas e divertidas tramas durante as últimas semanas pola súa relación con Amelia.
Ademais, o programa contará co testemuño de varios emigrantes galegos retornados e coa actuación en directo da banda coruñesa de pop-rock Stereotipos, que está a preparar a gravación do seu terceiro disco.
