CRTVG

Buscar

A Solaina

A Solaina (26/12/2011)

26/12/2011 17:15 h

O programa “A Solaina” contará hoxe coa presenza de tres mulleres galegas que destacan no mundo da canción, da moda e do fútbol. Así, o espazo da TVG entrevistará a cantante santiaguesa Loli Nogueira, coñecida pola súa vinculación á escena jazzística, pero apreciada pola súa versatilidade, que saltou á fama despois da súa participación nun concurso televisivo de talentos, onde abraiou a todos coa súa potente voz. Os espectadores da canle autonómica terán a oportunidade de escoitar a Nogueira en directo.

A nova deseñadora Tania Pardo tamén acudirá esta tarde a “A Solaina”. Con só 20 anos, está a estudar nunha das mellores universidades de moda de Madrid, traballa en El Corte Inglés Internacional e será a encargada de realizar o deseño de Iberpiel para a Cibeles Madrid de Piel.

Ademais, Beatriz Manjón e Sevi Martínez conversarán coa futbolista compostelá Verónica Boquete, quen falará da primeira edición do campus de fútbol e fútbol sala que leva o seu nome e que se celebrará na capital galega esta semana. Esta iniciativa, pioneira en Galicia por ser a primeira vez que unha muller é protagonista dun campus de fútbol, contará coa participación de adestradores, árbitros e deportistas do primeiro nivel.

Outro dos convidados do programa desta tarde será o empresario José López, o único galego participante no Rally Dakar, quen acaricia o reto de completar a proba por vez primeira, despois de tres intentos errados.
Unha visita en directo a Vigolandia, o parque de atraccións que garante a diversión e o entretemento dos nenos vigueses durante as vacacións de Nadal; e a actuación do grupo galego de blues acústico e tradicional Mikynervio & The Blue Makers completan as propostas de “A Solaina” para comezar a última semana do ano.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: