CRTVG

Buscar

A Solaina

A solaina (26/03/2012)

26/03/2012 18:00 h

Os espectadores de “A Solaina” poderán seguir hoxe en directo as últimas rabexadas  da Festa gastronómica da uña de San Lázaro, que durante esta fin de semana se celebrou no popular barrio compostelán. Ademais da inxestión deste produto nos distintos locais da zona, o evento contou cun completo programa de actos festivos, entre os que se inclúe a tradicional poxa da uña. Os reporteiros do programa coñecerán o xeito de preparar este prato e falarán con membros da organización da festa e da orquestra Panorama, que esta noite lles porá o broche final ás celebracións.

    No programa de hoxe tamén se falará de altas capacidades intelectuais, para o que se contará coa presenza da vilalbesa Iris González, unha rapaza de 16 anos que cursa a licenciatura de Física na Universidade de Santiago e que fixo o último ano do bacharelato e a selectividade en só dous meses.

    Ademais, os organizadores da III Mostra Anual do Pao-de-ló de Felgueiras, unha localidade portuguesa situada no corazón do val de Sousa, no distrito do Porto, visitarán “A Solaina” para facer unha exhibición do seu folclore e dos produtos que se exaltan nesta feira, centrada na promoción da repostaría tradicional.

    Por outro lado, o espazo da Televisión de Galicia ofrecerá unha reportaxe sobre o Ano do Cerebro, que ten como obxectivo impulsar a investigación na área da neurociencia e a súa divulgación entre os cidadáns. Como é habitual, a música tamén será protagonista no programa, que contará coa actuación do cantautor galego Andrés Suárez, quen, co seu novo traballo, “Cuando vuelva la marea”, abandona o seu status de “nova promesa” para posicionarse como un dos artistas de referencia do panorama musical español actual.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: