CRTVG

Buscar

A Solaina

A Solaina (25/01/2012)

25/01/2012 18:00 h

O programa “A Solaina” terá hoxe como convidado o noiés José Manuel Hermo, un xubilado de 71 anos apaixonado da mecánica que recibiu case un millón e medio de visitas na Internet por amosar como constrúe propulsores en miniatura cun motor de 12 centímetros que funciona con aire comprimido. Aínda que se converteu nun dos descubrimentos da rede, o seu primeiro obxectivo é a vocación de ensinar.

O espazo da TVG tamén recibirá esta tarde a visita do actor Luís Zahera, quen regresou á primeira liña da ficción televisiva con “Matalobos”, a serie líder de audiencia en Galicia os martes á noite. Zahera falará do personaxe que vén encarnando desde hai unhas semanas nesta ficción da Galega: Aníbal, un home misterioso, sinistro e sen escrúpulos.

Por outro lado, “A Solaina” visitará na localidade pontevedresa da Estrada un obradoiro de xoiería que, ademais dos deseños tradicionais, ofrece outros artigos moi orixinais feitos con lapis, pezas de lego e outros materiais curiosos.

Como cada mércores, o programa contará coa actuación da parella de baile formada polo galego Manuel Trillo e a rusa Anastasia Zhitova, quen introducirá dous compatriotas seus, dous nenos especialistas en baile ucraíno, gaucho e da república de Chuvash, que farán unha demostración en directo.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: