CRTVG

Buscar

A Solaina

A Solaina (24/11/2011)

24/11/2011 16:00 h

O programa “A Solaina” presentaralles hoxe aos seus espectadores propostas de cerimonias alternativas, da man dunha empresa pioneira en Galicia que ofrece a organización integral e creativa de eventos laicos e unha cociña adaptable e económica. Sevi Martínez e Beatriz Manjón falarán co responsable de Cerimonias Alternativas, Fernando Rivadulla, e coa cociñeira Rosa María Abal sobre os seus servizos diferentes, orixinais e creativos para todo tipo de eventos, desde nacementos, comuñóns e vodas ata xubilacións, nomeamentos ou homenaxes.

 O espazo da Televisión de Galicia tamén entrevistará esta tarde a xoieira compostelá Katuxa Platero, quen presentou na Galicia Fashion Week unha colección inspirada nas primeiras follas do outono que caen, a través de pedras como a perla e a madreperla, en cores ocres, moi grandes e visuais.

 Por outro lado, “A Solaina” desprazarase en directo ao municipio lucense de Palas de Rei para coñecer un impresionante porco que pesa máis de 350 quilos. Os seus donos amosarán un animal ao que lle quedan poucos días de vida, xa que se achega a matanza e en breve será sacrificado.

 O programa tamén se fará eco do éxito acadado por un galego-suízo, fillo dun emigrante de Corme e residente en Xenebra, que está a arrasar na Internet cunha canción sobre a crise. “The global economy”, apegadiza e sarcástica canción ideada por Gorka Cruz está a dar a volta a Europa e xa foi portada en numerosos xornais e televisións.

 Ademais, “A Solaina” falará hoxe co psicólogo coruñés Xesús María Reiriz e coa avogada Mercedes de la Puente, que inscribiron en 1998 no Rexistro da Propiedade Intelectual un modelo de contrato matrimonial renovable bianualmente e que acaban de descubrir que unha deputada da Asemblea do Distrito Federal de México presentou unha iniciativa lexislativa con esta proposta, polo que reclaman os dereitos de propiedade intelectual.

 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: