CRTVG

Buscar

A Solaina

A Solaina (21/11/2011)

21/11/2011 16:00 h

No Día Mundial da Televisión, o programa “A Solaina” lembrará hoxe un dos maiores éxitos da historia da TVG: a serie “Mareas Vivas”. As cámaras do programa desprazaranse en directo a Laxe, onde foi gravada esta ficción sobre a vida nunha vila mariñeira da Costa da Morte. Os reporteiros de “A Solaina” falarán con veciños do lugar que participaron de figurantes ou que estiveron implicados na rodaxe da serie, que explicarán a importancia que tivo no seu día para Laxe o éxito de “Mareas Vivas”. Ademais, o espazo da Galega terá como convidados os actores Isabel Blanco e Santi Romay, que falarán do trampolín profesional que a serie supuxo para moitos dos seus actores.

 Pero non só os éxitos do pasado serán protagonistas esta tarde en “A Solaina”, xa que o programa intentará coñecer as claves da grande acollida que está a ter a miniserie “Mar Libre”, da man do seu director, Dani de la Torre. Esta historia épica de amor e aventuras, coproducida pola TVG e Ficción Producciones, acaba de ser galardoada no Festival Internacional de Cinema Independente de Braga e continúa así co seu incesante recoñecemento en certames internacionais.

 Por outro lado, no programa falarase dos problemas de saúde das mariscadoras galegas, xa que, segundo un estudo do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, dúas de cada tres padecen dores e trastornos musculares. Beatriz Manjón e Sevi Martínez falarán con dúas mariscadores sobre os problemas relacionados coa súa actividade.
 A gastronomía tamén terá hoxe un oco en “A Solaina”. O programa achegarase a Betanzos para coñecer o segredo da súa famosa tortilla, que gañou o Campionato de Tortilla de Patacas de España, da man do hostaleiro Alberto García Ponte; e á Costa da Morte, que promove a súa gastronomía coas xornadas “Cómete o mar”.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: