CRTVG

Buscar

A Solaina

A Solaina (19/12/2011)

19/12/2011 17:15 h

“A Solaina” chega esta tarde a unha nova cita cos espectadores da TVG coa intención de facerlles a boca auga, xa que o programa achegarase en directo á parroquia coruñesa de San Nicolás, onde durante estes días se celebra a primeira edición de Expoconvento, en que participan 50 centros monásticos co obxectivo de dar a coñecer a enorme e exquisita variedade de repostaría que se fabrica nos conventos e mosteiros españois. En total, a feira pon á venda máis de 250 variedades de doces.

    Como cada luns, hoxe é noite de “Padre Casares” na Televisión de Galicia e o programa presentado por Beatriz Manjón e Sevi Martínez quere adiantarse á emisión desta noite entrevistando o actor Avelino González, coñecido polo seu papel de Miñato nesta serie de éxito da TVG.

    Por outro lado, os reporteiros e colaboradores de “A Solaina” visitarán as termas de Ourense, un espazo de ocio e relax que conta cunha grande afluencia mesmo nos días máis fríos; asistirán aos exames das oposicións para a Xunta de Galicia; comprobarán como traballan os tecedores modernos; e irán de compras deixándose aconsellar por un “personal shopper”.

    Ademais, o programa da Galega estará moi pendente da actualidade e establecerá conexións co Congreso dos Deputados, onde hoxe se celebra a primeira sesión do debate de investidura.
    Unha exhibición de árbores de Nadal e a actuación en directo do cantante ferrolán Al Vila e a súa banda, que presentarán proximamente o seu novo álbum, completan as propostas do programa desta tarde.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: