CRTVG

Buscar

A Solaina

A Solaina (18/11/2011)

18/11/2011 17:00 h

“A Solaina” recibirá hoxe a visita de quen é sen dúbida o artista español do ano, o malagueño Pablo Alborán, quen irrompeu con gran forza na escena musical. O cantante interpretará temas do seu primeiro álbum, que lanzou en febreiro deste ano e que axiña se converteu en Disco de Platino, permaneceu 15 semanas no número 1 dos máis vendidos e fixo que o seu autor fose candidato a tres Grammys Latinos.

 Os presentadores do programa, Sevi Martínez e Beatriz Manjón tamén conversarán esta tarde cos integrantes de Os Cempés, o mítico grupo ferrolán de música tradicional, que, a punto de cumprir dúas décadas, reaparece despois de catro anos de descanso, con nova formación e novo repertorio. Ademais de actuar en directo, o grupo adiantará detalles do seu quinto traballo, que comezará a gravar en xaneiro.

 Por outro lado, o espazo da TVG achegarase ao Parador de Monforte de Lemos, considerado o sexto mellor de España segundo un informe elaborado por unha popular páxina española de xestión de viaxes na Internet, que tivo en conta a valoración dos clientes que utilizan este medio para facer as súas reservas.

 Ademais, os espectadores de “A Solaina” poderán asistir a unha exhibición de jugger, un deporte de pelota desenvolvido en Alemaña na década dos 90 e que pode ser descrito como unha mestura de rugby e hóckey e, polo tanto, combina elementos dun xogo de pelota con outros de loita. O presidente da Asociación Galega de Jugger, Javier Paz, explicará as características principais e o espírito deste deporte.
 As peripecias de Isi na proba dun coche eléctrico; a axenda da fin de semana; e as predicións do tempo para o sábado e o domingo, a cargo como sempre de Santiago Pemán, serán outros contidos destacados na “Solaina” desta tarde.

 

Atopar capítulo por: