CRTVG

Buscar

A Solaina

A Solaina (15/11/2011)

15/11/2011 16:00 h

O xornalista Tomás Alonso, reporteiro do programa da TVG “Larpeiros”, visitará esta tarde “A Solaina” para presentar o libro “Onde mercan os Larpeiros”, escrito xunto a Víctor López, que supón unha nova achega do espazo despois da publicación, con grande éxito, dos dous libros de receitas do cociñeiro Benigno Campos. Alonso achegaralles aos espectadores as claves dunha obra que supón un percorrido por Galicia a través dos seus produtos de calidade e da súa paisaxe, unha festa de recendos e sabores en que non falta o humor.

 Por outro lado, o magazine das tardes da Galega visitará en directo o Balneario de Mondariz, que quedou finalista na Gold List 2011 que elabora anualmente a revista de viaxes máis prestixiosa do mundo, Conde Nast Traveler. A vila termal, un dos establecementos insignia do termalismo europeo, foi elixida tamén mellor balneario de España durante dous anos consecutivos e mellor aloxamento de Galicia.

 Ademais, “A Solaina” recibirá hoxe no estudio as alumnas do IES Cacheiras, no municipio coruñés de Teo, autoras do vídeo “Alone”, de denuncia do acoso escolar, que gañou o concurso de vídeos sobre seguridade convocado conxuntamente pola Policía Nacional e a Garda Civil a través da rede social Tuenti.

 Unha entrevista cun invidente a quen lle negaron a entrada nun bar xunto a seu can guía, un desfile de moda coas propostas das deseñadoras Sara Lage e Maru Calderón, unha reportaxe sobre como aprender a ser pais e a música do grupo Los Septiembre completan hoxe as propostas de “A Solaina”.

Atopar capítulo por: