CRTVG

Buscar

A Solaina

A Solaina (10/11/2011)

10/11/2011 17:15 h

O programa “A Solaina” asistirá hoxe en directo ás III Xornadas Internacionais de Coaching que se desenvolven en Santiago, que afondarán neste proceso formativo, considerado como unha ferramenta chave para o novo modelo de xestión empresarial e tamén para potenciar o crecemento persoal. As xornadas teñen como obxectivo facilitar a empresarios e directivos un coñecemento amplo sobre as posibilidades que proporciona esta ferramenta.

 Por outro lado, o espazo da Televisión de Galicia ofrecerá unha entrevista coa doutora Mercedes de la Torre, pertencente a un equipo do Complexo Hospitalario da Coruña que é un dos poucos que opera o cancro de pulmón cunha cirurxía non invasora, cunha soa incisión. De la Torre explicará as vantaxes deste procedemento pioneiro no mundo, que supón unha importante evolución da cirurxía convencional.

 Os presentadores de “A Solaina”, Sevi Martínez e Beatriz Manjón, tamén conversarán con Mónica Loureiro, propietaria e directora creativa da marca de bixutería, agasallos e complementos Meigallo, quen recibiu o premio “Empresario do Ano”, outorgado pola Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra. Esta firma de moda abriu a súa primeira tenda en Sanxenxo hai seis anos e na actualidade conta xa con máis de 30 puntos de venda repartidos por toda España.

 Ademais, o programa analizará a sentenza do caso Jackson, que declarou culpable o médico persoal do cantante, Conrad Murray, por homicidio involuntario; e ofrecerá unha reportaxe sobre a gala de apertura da vixésimo quinta edición do festival Cineuropa, que durante este mes proxectará en Santiago os mellores filmes exhibidos en certames europeos.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: