CRTVG

Buscar

A Solaina

A Solaina (01/03/2012)

01/03/2012 18:00 h

“A Solaina” desprazarase hoxe a Baiona para asistir en directo aos preparativos da Festa da Aibada, que se celebrará esta fin de semana para revivir o glorioso pasado medieval da vila. Con esta representación preténdese reconstruír o relato que Martín Alonso Pinzón e os seus tripulantes fixeron da súa xesta ao descubrir o novo continente ao correxidor de Baiona o 1 de marzo de 1493. Durante estes días as rúas de Baiona encheranse de vida con actuacións musicais, espectáculos, obradoiros de cetrería e representacións teatrais.

 Por outro lado, o programa da TVG contará coa presenza no estudio dos responsables da empresa viguesa de servizos sanitarios Natalis, que presta asistencia posparto a domicilio na primeira semana de vida do bebé, un servizo pioneiro en España. Os espectadores poderán coñecer os coidados que se ofrecen para axudar, aconsellar e, en definitiva, crear un ambiente confortable para a nai, o bebé e a familia.

 O espazo presentado por Sevi Martínez e Beatriz Manjón tamén contará hoxe cunha exhibición de cans deportistas para achegarse á modalidade do canicross, en que corredor e can forman un tándem perfecto, unha disciplina que se está a consolidar no noso país e cunha longa tradición en Europa.

 Ademais, “A Solaina” ofrecerá unha nova edición do concurso “Os Reis da Muiñeira” e asistirá á rodaxe da película para televisión “A visitadora de prisións”, inspirada na vida de Concepción Arenal, que durante o mes de febreiro se gravou en distintas localizacións de Ares, Monfero, Cabanas e Ferrol.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: