CRTVG

Buscar

Momentos G

A serra da Groba é o reino do garrano, o único cabalo salvaxe que queda en Europa

31/05/2019 14:39 h

En Galicia temos símbolos e razóns abondo para celebrar a nosa cultura, a nosa identidade... porque tamén podemos fachendear de patrimonio natural. Temos tesouros naturais que apenas coñecemos e que cómpre reivindicar porque canto máis os coñezamos máis e mellor os protexeremos, máis nos gustará preservalos e presumírmonos deles. Galicia é reserva do garrano, o único cabalo salvaxe que queda en Europa. Observalos el liberdade na Serra da Groba é un dos pasatempos preferidos de Gerardo, que mellor ca nun dos seus currunchos favoritos.

Gerardo, alma máter do proxecto medioambiental A Senda do Moucho, lévanos ao seu curruncho favorito, a Serra da Groba, no sur da provincia de Pontevedra. Para el é un lugar fermosísimo, con montes altos, de matogueira e pedra, que albergan infinidade de especies, entre eles, o cabalo salvaxe. Gústalle dicir que esta serra é o reino do garrano, lugar de maior concentración deste tipo de cabalo atlántico canda a zona centro de Galicia e mais a serra da Capelada.

O garrano modela aquí a paisaxe porque se alimenta de toxo, ao que lle dá forma redondeada. Gerardo lévanos mirar as greas destes cabalos e a observar as súas características: paticurto, barrigudo, marrón, con moito pelo e con coxas máis estilizadas para andar entre as toxeiras. Igualmente, a súa alimentación dotouno de bigotes para amortiguar os pinchos do toxo.

Na primavera as eguas paren os poldros que podemos ver nas mandas e axiña empezarán os curros, costume de marcar os cabalos salvaxes no sur de Galicia.

Galicia pode e debería presumir, di Gerardo, de ser o fogar do seguramente o único cabalo salvaxe que queda en Europa e, probablemente, no mundo. Un cabalo que leva con nós desde o Pleistoceno e que, para el, é un símbolo da nosa cultura e identidade, un dos valores naturais máis importantes de Galicia e un patrimonio que non se pode perder, que nos identifica como pobo.

 

 

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: