CRTVG

Buscar

Eirado

A Revolta Irmandiña

22/01/2011

O programa "Eirado" achegarase hoxe á historia das Revoltas Irmandiñas, que tiveron lugar durante o século XV contra a opresión señorial e onde participaron nobres, clérigos e unha masa de campesiños. O espazo da tvG2 contará coa presenza dun experto nesta materia, o profesor de Historia Medieval da Universidade de Santiago Carlos Barros Guimerans, especializado na investigación do século XV.

Para ilustrar a crónica desta época convulsa da historia galega, o espazo da tvG2 visitará na localidade lucense de Palas de Rei o castelo de Pambre, a única fortaleza que se mantivo en pé durante a sublevación irmandiña, considerada hoxe un dos mellores exemplos de arquitectura medieval galega. Ademais, lembrarase a lenda do mariscal Pardo de Cela, unha das figuras máis mitificadas da Historia de Galicia, usada moitas veces como símbolo de resistencia da nobreza galega fronte á castelá.

No tempo dedicado aos libros, o presentador de "Eirado", Pemón Bouzas, dará conta da nova novela do director catalán afincado en Galicia Pere Tobaruela, "Na cerna da selva", onde o autor combina a busca dun personaxe fascinante apegado ás raíces dun mundo primitivo coa fuxida desesperada das mans duns asasinos brutais e abxectos.

Na sección de cine, Moncho Lemos e Ángel Suanzes comentaráN a rodaxe da película para televisión sobre Emilia Pardo Bazán, "A condesa rebelde", dirixida por Zaza Ceballos. Ademais, destacarase a estrea do novo filme de Clint Eastwood, "Más allá de la vida", un drama sobrenatural protagonizado por Matt Damon.

Ademais, o programa entrevistará ao director do Centro Dramático Galego, Miguel Von Hafe Pérez, quen comentará a programación do museo para este ano e a súa presenza na feira de arte contemporánea ARCO. Finalmente, a música desta semana correrá a cargo do dúo coruñés blö, que ofrece unha achega interesante á música indie e folk.

Atopar capítulo por: