CRTVG

Buscar

Aquí hai praia

A Rapadoira, Areal do Vao e praia do Vilar

25/06/2018 23:00 h

A Rapadoira, en Foz, é a primeira praia da zona en acadar a bandeira azul. Unha mostra de que a pesar que o tempo non acompañe, pódese pasar un día fantástico xogando ao fútbol, ás pas, aproveitando para gozar dun xantar con vistas ao Cantábrico e os máis ousados dispostos a practicar surf. A Rapadoira conta con todos os servizos para atender uns visitantes cada vez máis esixentes coa mesma, limpeza, socorrismo, actividades complementarias, información e atención aos usuarios. Éunha praia urbana cun grande areal de fina e branca area, protexida por un espigón - paseo de Laredo, onde se forma unha piscina natural en que se divirten os máis pequenos sen medo ás ondas, conta con pasarelas para chegar ata a zona de baño.

A continuación, o programa diríxese ao Areal do Vao, en Vigo. Situada na parroquia de Coruxo, é unha das praias de maior sona da cidade despois da de Samil. De area branca e fina, conta cun paseo que atrae a numerosos turistas, é ideal para a práctica de deportes acuáticos e destaca por ser un dos areais elixidos pola xente nova da cidade e dos arredores.

Por último, podemos gozar da espectacular praia do Vilar, na localidade coruñesa de Ribeira, en cuxo extremo se sitúan as dunas de Corrubedo. Está formada por cinco areais que se unen e que alcanzan unha extensión total de cinco quilómetros. De area branca e fina, destaca por ser unha praia de mar aberto e abundante ondaxe, o que a fai propicia para a práctica do surf. A beleza natural e paisaxística desta xoia da Barbanza fai que reciba visitantes de toda a provincia. 

 

Atopar capítulo por: