CRTVG

Buscar

Zigzag-Eirado

A RAG homenaxea a Ramón Piñeiro / Xavier Magalhaes / Puntada sen Fío / Santos Morcegos / Cora Novoa / Doctor Gringo / "Nuestro último verano en Escocia" / "Deber"

31/05/2015 00:45 h

En vésperas de que se fagan os 100 anos do nacemento de Ramón Piñeiro, o programa “ZigZag Diario” achegarase á figura deste intelectual e político galego, un dos nomes históricos do galeguismo durante o século XX e un dos fundadores e dos primeiros directores da editorial Galaxia e da revista Grial. O secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, explicará no estudio de gravación as iniciativas previstas pola RAG para conmemorar esta efeméride.

Por outro lado, o espazo semanal da tvG2 visitará en Vigo o estudio do pintor pontevedrés Xavier Magalhaes. Dinamismo é o termo co que definir a actitude e expresión na súa obra, uns lenzos que atopan a súa identidade na abstracción e onde as liñas negras dan paso a unha explosión de cor.

No tempo dedicado á música, “ZigZag-Eirado” falará de Puntada sen Fío, un proxecto de Xiana Lastra que aposta por un formato reducido e unha sonoridade diferente e orixinal para achegarse á música tradicional de autor do noso país; do grupo de rock instrumental Santos Morcegos; e da compositora de música electrónica Cora Novoa, unha das artistas que está a ter máis repercusión no panorama da música actual.

Os espectadores tamén poderán achegarse hoxe á proposta musical de Doctor Gringo, un trío de Compostela que aposta por transmitir a forza e substancia dun dos estilos pioneiros do rock. Os sons de pioneiros como Eddy Cochran e Gen Vicent asoman nas súas cancións, onde as cadencias do rockabilly conviven con sons máis actuais dos 80 e 90.

En canto á actualidade cinematográfica, o programa presentado por Tino Santiago falará da estrea de “Nuestro último verano en Escocia”, con Rosamund Pike como protagonista, que vén precedida polo seu éxito no festival de Valladolid, e da curtametraxe “Deber”, de Ángel Manzano, premio do público no Festival de Cans e gañadora do certame “Redondela en curto”.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: