CRTVG

Buscar

Vivir aquí

A praia

12/07/2014 16:30 h

Coa chegada do verán e do bo tempo, a praia convértese nun dos destinos máis habituais durante estes meses. Consolidada como unha das direccións fixas a tomar cando o sol brilla e a chuvia dá un respiro despois dos fríos e grises meses de inverno, os areais que se multiplican ao longo da costa galega cambian a súa faciana durante o verán para acoller milleiros de bañistas e turistas. O programa “Vivir Aquí” marcha hoxe á praia, pero non coa idea de tomar o sol ou de tomar un baño, senón co obxectivo de descubrir as infinitas posibilidades que nos ofrece o destino de ocio estrela do verán.

Deste xeito, os reporteiros do espazo da TVG achegaranse á praia de Patos, en Nigrán, unha das mellores de Galicia para a práctica do surf; e á de Bastiagueiro, no concello de Oleiros, ideal para iniciarse en todo tipo de deportes náuticos.

“Vivir Aquí” tamén viaxará ao Grove para visitar o areal do Espiño, un dos poucos onde se admiten cans; e a Vigo para dar un paseo por Samil, un exemplo de praia urbana que destaca pola súa gran lonxitude e polo paseo marítimo que a bordea.

Finalmente, o programa collerá rumbo ao litoral cantábrico para admirar a beleza dun dos lugares máis visitados de Galicia: a monumental praia das Catedrais, en Ribadeo, considerada unha das máis espectaculares do mundo, con cantís de máis de 30 metros de altura que, esculpidos polo vento e o mar, forman uns arcos e bóvedas grandiosas.

Atopar capítulo por: