CRTVG

Buscar

A cociñeta

Homenaxe a Susana e Saínza Seivane, artistas de balcón durante o confinamento

06/09/2020 22:45 h

Neste emocionante formato de gastro-homenaxes, Adrián Díaz lidera un equipo de cociñeiros e amigos que, en cada programa, se achegan a un punto da nosa xeografía para argallar unha importante e sentida homenaxe a alguén que o mereza (moito). Neste programa, as elixidas para a nosa homenaxe son Susana e Saínza, dúas irmás moi vencelladas á nosa música – como delata o seu ilustre apelido-, que cada noitiña daqueles días de confinamento, deron un pequeno concerto aos seus veciños da Parroquia de Pravio, en Cambre (A Coruña). Os vídeos das irmás non tardaron en facerse “virais”, igual que outros tantos exemplos dos que se deron en chamar “artistas de balcón”, pero neste caso, son os seus veciños de Pravio, así como os seus familiares e amigos, os que queren argallar esta homenaxe, por ser exemplo para toda a comunidade cando foi mais preciso, agasallando música e sorrisos aos que tiñan mais cerca. Nesta homenaxe, os cociñetos contarán con moitos cómplices para que todo saia á perfección, e pola súa parte, os cociñetos poñerán a súa arte nos fogóns ao servizo da sorpresa facendo as delicias dos presentes cun guiso de xoubas propio das mellores festas. Asemade, contarán coa axuda de Eloy Moral, gastroblogger, médico e gaiteiro, un home cheo de ideas moi interesantes! Non esquezades tomar nota das súas receitas! E coma sempre, non faltará música, festa e moita emoción. Xa sabedes, cando os cociñetos argallan unha homenaxe, sempre se escapa algunha bágoa... Pero das boas, desas que ilustran os momentos mais entrañables e queridos. Estade moi atentos ás vosas pantallas, homenaxeamos a todos aqueles que achegaron luz dende os seus balcóns cando os días eran mais escuros. Palabra de cociñeto!

Atopar capítulo por: