CRTVG

Buscar

Especial

"30 anos de series"

29/03/2015 22:00 h

Con motivo do 30 aniversario da canle pública, o programa especial “30 anos de series” lembrará series históricas como “Pratos Combinados” ou “Mareas Vivas”, pero tamén outras máis recentes como “Matalobos”, “Serramoura” ou “O Faro”.

Máis de 60 grandes actores do audiovisual galego están convocados a esta festa, que será conducida pola presentadora Marta Doviro e pola actriz Isabel Blanco, unha histórica das series da TVG. Os actores que foron protagonistas dalgúns dos mellores momentos da ficción galega comentarán con elas esas grandes escenas. E todo isto enmarcado nun ambiente moi festivo.

Nunha festa como a de “30 anos de series” non podía faltar a música. O programa repasará as cancións máis coñecidas das series galegas como “O merengue de Santalla”, interpretada por Paco Lodeiro e Os Satélites; “Mareas Vivas” interpretada por Mercedes Peón; ou o “Pirimpimpín”, a cargo de Malvela.

Pero aínda haberá máis música, xa que o programa contará con versións de cancións moi coñecidas na voz dalgúns dos protagonistas das series da Televisión de Galicia como Lucía Regueiro, María Mera, Manuel Manquiña e Evaristo Calvo, que lembrarán os lendarios Blues Brothers; Patricia Vázquez, Iria Sobrado e Iolanda Muíños cantaranlle ao amor co tema “Branco e Negro”; Luís Iglesia, Xavier Deive, Monti Castiñeiras e Arturo Zas farán a canción dos malos da película co tema “Da caste do demo”; mentres que Fernando Tato e Manuel Sanmartín acompañarán a Lucía Pérez no escenario co tema “Soños”. Igualmente, poderase ver escoitar a Orquestra Olympus, Treixadura e A Gran Orquestra das Series, creada para a ocasión. 

Ademais, aproveitando esta festa da ficción da Galega, os seguidores das series coñecerán unha ferramenta moi útil: a nova web EnSerie.gal, un portal temático que amosa as producións actuais e históricas emitidas na Televisión de Galicia durante as súas case tres décadas de vida. EnSerie.gal dálles o mando aos espectadores, que poderán ver todos os capítulos das súas series preferidas, actuais e de todos os tempos, ademais de acceder a entrevistas cos actores, noticias, reportaxes, curiosidades, making of das series, etc.

Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Atopar capítulo por: