CRTVG

Buscar
Cara B
Suscríbete a
Cara B

Cara B

Cara B é un programa sobre música. Ou, máis concretamente, sobre as pequenas grandes anécdotas que enchen a historia da música.

Polo xeral, todo o mundo coñece as grandes lendas, os grandes relatos, as grandes historias que a miúdo se contan sobre os músicos máis afamados, sobre os cantantes máis célebres, sobre os discos máis vendidos. Pero as páxinas da historia da música tamén contan con letra pequena. Con momentos únicos que, ocultos entre os demais, adoitan pasar desapercibidos para o gran público, pero que constitúen relatos apaixonantes que tamén merecen ser contados.

A historia da música constrúese cos episodios máis coñecidos da vida dos grandes expoñentes dos diferentes xéneros musicais, coa crónica da gravación dos mellores álbums ou dos concertos máis multitudinarios na carreira dun músico, coa análise da evolución da escena musical dun determinado lugar ó longo do tempo. Pero tamén está feita de datas secretas, de sucesos clave dos que moi poucas veces se fala, de momentos incribles que, dende o interior da propia historia da música, serven para unir todo o demais. E a esas anécdotas fantásticas está dedicado Cara B. Con elas, a partir dunha canción, ou dun disco, ou dun momento concreto na historia do rock ou o pop, armaremos un relato que nos axudará a entender por que as cousas aconteceron como aconteceron, a descubrir de que están feitas no fondo as cancións e a saber moito máis daquilo que sempre nos interesou pero no que poucas veces afondamos.

Coa escusa de falar dalgúns dos principais elementos que integran a dimensión musical, como a labor do produtor nos discos, as consecuencias da improvisación na composición, o plaxio involuntario, etcétera, faremos un percorrido por todas esas anécdotas que non moitos coñecen pero que tiveron —e teñen— tanto peso na historia da música.

Cada capítulo de Cara B contará cun deses leitmotivs a partir dos cales o programa botará a andar e que servirá para adentrarnos en relatos diferentes, escondidos, afastados do discurso habitual, que conforman algúns dos sólidos cimentos sobre os que se erixiron algunhas das grandes lendas da historia do rock e o pop.E para iso, como non podería ser doutro xeito, recorreremos á música. Á verdadeira protagonista do programa. Durante os capítulos soarán todas as cancións ás que se refire a historia principal que esteamos a contar, pero tamén todos aqueles temas que nos axuden a explicar a historia da que falamos. E así iremos dando forma a esa cara oculta e vibrante dos feitos que non sempre sae a luz. Esa cara apaixonante que non se adoita a contar. A cara máis estraña, pero ás veces, máis interesante da historia dos grandes mitos que enchen as páxinas do noso pasado e o noso presente musical. A Cara B.

Valoración
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí