CRTVG

Buscar

Podcast

Teatro Radiofónico. 'Psicofonías' de Marcos Abalde Covelo

05/12/2017 - 13:00 h
Teatro Radiofónico. 'Psicofonías' de Marcos Abalde Covelo

Psicofonías

Soa a campaíña dun apartamento. EL abre a porta.

 

EL: Ola, cariño. Que cedo chegas!

ELA: Saín un pouco antes... Non podía máis.

EL: E as chaves?

ELA: Non sei onde as metín.

EL: Que tal a incorporación?

ELA: Tirando.

EL: Ía facer un café.

ELA: Fai.

 

EL abre a cafeteira, bota auga e pona ao lume.

 

ELA: Salvo algún médico, no hospital a xente é bastante riquiña.

EL: E as compañeiras non estaban preocupadas?

ELA: Pasaron o día a murmurar ás miñas costas.

EL: Non o fan por mal.

ELA: Odio ser unha vítima.

EL: É moi cedo para volveres traballar.

ELA: O da inspección médica tardou dez minutos en me dar a alta.

EL: Como pode dicir que estás en perfectas condicións?

ELA: Non hai diñeiro.

EL: Iso é mentira.

ELA: Veño cun pouco de frío.

EL: Ese uniforme non abriga nada.

ELA: Quería chegar rápido, por iso non me mudei.

EL: Acendo o quentador?

ELA: Se non che importa.

EL: Arrefriou o ambiente. Ao abrir a porta, notábase unha viruxe...

ELA: Estou conxelada.

EL: Póñoo ao máximo?

ELA: Pon.

 

Sobe o café.

 

EL: Con leite?

ELA: Xa non me apetece.

EL: Hache sentar ben.

ELA: Non me entra nada.

EL: Mellor unha infusión?

ELA: Estou ben así.

EL: En toda a mañá non me mandaches nin un whatsapp.

ELA: Non parei un minuto.

EL: Espertaches cunha cara.... E a nova medicación?

ELA: Pouco me aliviou.

EL: A ver se nuns días...

ELA: Ía deitarme. Estou derreada...

EL: Agarda un pouco. Faime compañía mentres tomo o café.

ELA: A dor non me deixa pensar.

EL: Por que non sentas?

ELA: Todo me magoa. Non sei que me falta.

EL: Algo quentiño, muller.

ELA: Non, grazas.

 

EL bota o café e reméxeo.

 

EL: Non me vas preguntar o que fixen hoxe?

ELA: Que fixeches?

EL: Fun gravar a Santo Amaro.

ELA: Ao cemiterio?

EL: Teño unhas psicofonías espectaculares. Vounas vender á radio e ímonos facer millonarios.

ELA: Os da radio tamén son para darlles de comer á parte.

EL: Queres escoitalas?

ELA: Teño alternativa?

EL: Non.

 

Acende a gravadora. Ruído branco.

 

EL: Puxen a gravadora mesmo encima da cabeza de Pondal.

ELA: E tiña soños ou pesadelos?

EL: Tómao en serio.

 

Ruído branco.

 

EL: Que che parece?

ELA: Non sei.

EL: Está ben claro.

ELA: Ti cres?

EL: Repara nisto.

 

Ruído branco.

 

ELA: A min sóame ao ruído das tripas.

EL: Non digas parvadas.

ELA: Debeu morrer con fame.

EL: Non se entende moi ben, mais penso que hai algo. Non sei. Como unha palabra a medias, un

"muer", "muer". Unha cousa así.

ELA: Ti es o experto.

EL: Lémbrame a outra que fixera.

ELA: Cal? A de Murguía falando castelán?

EL: Esa era unha señora que pasaba por alí.

ELA: A min parécenseme bastante.

EL: Tes o ouvido pouco afinado.

ELA: Ha de ser iso.

EL: Tamén fun á ponte da Gaiteira. Vas abraiar con este corte.

 

Dálle á gravadora. Soa o ruído do tránsito.

 

EL: Dáste conta?

ELA: De que?

EL: Está o río de fondo.

ELA: Que río?

EL: O Monelos.

ELA: Iso é imposible. Leva anos baixo o asfalto.

EL: Non sentes os paxariños?

 

Río correndo. Chíos dos paxaros.

 

ELA: Non teño un bo día.

EL: E de volta para a casa, sabes onde parei?

ELA: Onde?

EL: No caixeiro onde apareceu aquel vagabundo.

ELA: Iso é un pouco macabro, non cres?

EL: Macabro é que hoxe foses traballar.

ELA: Non mo recordes.

EL: Estas gravacións son unha maneira de telos presentes, de lles dicir “eu non esquezo”.

ELA: Levas demasiado no desemprego.

EL: Hai quen se bota á bebida.

ELA: Eu apóiote fagas o que fagas.

EL: Aínda que a algúns lles amole, eu non son un zombi.

ELA: Tes toda a vida por diante.

EL: Iso é o que me gusta pensar.

ELA: Ti apóiasme?

EL: Claro.

ELA: Sabes que sempre vou estar ao teu lado.

EL: Por que me dis iso?

ELA: Sabes que te quero moitísimo?

EL: Non sei que faría sen ti.

ELA: Sábelo?

EL: Que si.

ELA: Teño que ir ao baño.

EL: Vai.

ELA: Cada vez estou mellor.

EL: De verdade?

ELA: Case non sinto nada.

EL: Alégrome.

ELA: Sé forte. Non teñas medo.

EL: Medo... por que?

ELA: Todo vai saír ben.

 

ELA levántase. Pecha a porta do baño. Soa un teléfono. EL cólleo.

 

EL: Si? (Pausa.) Si. Son eu... (Pausa.) Como? (Pausa.) Non pode ser! (Pausa.) Como desde o 

noveno? (Pausa.) Como? (Pausa.) No patio interior? (Pausa) Se acaba de chegar á casa. (Pausa.) 

Debéronse enganar... (Pausa.) Como sabe o meu nome? (Pausa.) Que tipo de broma é esta?

(Pausa.) Deixe de pór ese ton de voz! (Pausa.) Tranquilizar por que? (Pausa.) Vaia á merda!

 

EL colga o teléfono, vai até o baño e peta na porta.

 

EL: Cariño, acabo de falar por teléfono... Que cousa máis estraña? Un tarado dicía que fose pola

UCI, que estabas moi grave, que tiveches un accidente...

 

EL peta na porta do baño.

 

EL: Cariño, estás ben? Por que non respondes? Abre a porta! (Soa o teléfono.) Como non a abras, bótoa abaixo. (Peta cada vez máis forte.) Abre dunha vez! Vouna abrir dunha patada. (Abre a

porta cun golpe seco.) Cariño, onde estás? Onde te metiches? Por favor, sae! Non me fagas isto!

Cariño, onde estás? Non me deixes só! Non me deixes só! Non me deixes só!

 

Soa o teléfono unha e outra vez, unha e outra vez.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí