CRTVG

Buscar

Podcast

Teatro Radiofónico. 'Alianzas' de Avelina Pérez

05/12/2017 - 13:00 h
Teatro Radiofónico. 'Alianzas' de Avelina Pérez

ALIANZAS

Lema: Kasandra morre.

PERSONAXES: MULLER / HOME

Os sons da rúa están lonxe, chegan a través da ventá aberta ao piso no que procura descansar a parella. Constantemente -pero dun xeito que faga posible que de cando en vez asome o silencio- coches e motos déixanse sentir.

Porque sempre hai vida máis alá dos cuartos propios…

Os sons sinalados no texto rompen esa sonora monotonía da cidade.

O ton da conversa é íntimo, case un murmurio.

Durante todo o relato da muller, esta vai elaborando o seu propio pensamento, pausadamente, describindo o que vai recordando. Nada é impulsivo nela.

HOME- Apago a luz. Boa noite.

MULLER - Ata mañá.

MULLER - Non vou poder durmir.

HOME - Queres que prenda a luz?

MULLER - Non…

HOME -  Fecho a ventá?

MULLER - Déixaa así. Vai moita calor…

HOME - Algo de leite frío…

MULLER - Hoxe pola tarde vin unha muller na rúa; estaba a pedir e non se me vai da cabeza.

HOME - Hai miles, nestes tempos…

MULLER - Xa. Pero esta era diferente…

HOME - Non é hora de pensar…

MULLER - Levaba un traxe impecable e caro, e tiña unha pamela no chan, baleira… Nin un euro dentro, nin céntimos… nada.  Estaba maquillada, moi ben maquillada…

HOME - É moi tarde...

MULLER - E levaba un cartel para pedir cartos, un óleo enmarcado que puña “se me das cartos, chúpoche a …”.

Entendes?

HOME - Si, pero non é…

MULLER - Iso… Se me das cartos, chúpoche iso... xa sabes... Tiña o cadro alí, pegadiño a ela, e non tiña nada dentro da pamela. Estaba sentada nunha cadeira verde; non sei por que, pero fixeime na cadeira verde. Pensei que quedaría moi ben no teu estudio.

Silencio moi breve.

Un gato miaña na rúa. E outro gato máis. E outro.

Ou gatas.

 

MULLER - Levaba unhas lentes de sol negras.

HOME - Igual era cega.

MULLER – Non… Víase que non era cega…

HOME - Ao mellor era cega.

MULLER - Estou certa de que non.

HOME - Non podes saber…

MULLER - Seino.

En canto fecho os ollos, véxoa alí, na cadeira verde… Sei ben que non era cega.

E o peiteado… levaba un recollido de salón de peiteados… Non se movía.

HOME - Seguro que era cega, por iso pedía.

MULLER - Dígoche que non.

HOME - Prendo a luz?

MULLER - Non.

Son de bucina dun coche. Unha derrapaxe no asfalto.

MULLER - E mirábame fixamente.

HOME - Dicías que levaba lentes negras…

MULLER - Si. Pero sei que me miraba fixamente. Podía sentir a mirada fixa.

Eu quedei alí, e logo foi cando me decatei do do traxe…

Silencio breve.

MULLER - Levaba un traxe idéntico ao meu.

HOME - Vou prender…

MULLER - Non.

HOME - Pois calemos…

Silencio breve.

 

MULLER - E un peiteado idéntico ao meu.

HOME - Fecho a ventá?

MULLER - Non.

Silencio breve.

O gato de antes volve miañar seguido. Desta vez ningún gato lle responde.

 

MULLER - E sabes o que pasou logo, verdade?

HOME - Non, por suposto que non…

MULLER - Chegaches ti, metiches a man no peto e sacaches a carteira.

HOME - En horas de traballo eu…

MULLER - E eu marchei. E non pensei máis. Ata agora…

Agora non son quen de non pensar; se fecho os ollos, véxote metendo a man na carteira.

HOME - Eu non lle dou cartos á xente que pide pola rúa.

MULLER – Seino.

Botaches os cartos na pamela. A pamela estaba baleira e ti botaches alí cartos…

Silencio moi breve.

MULLER - E as lentes eran as miñas lentes…

Motos moi potentes e berros dunha panda que vén de festa e que se divirte.

 

MULLER - Non soporto non durmir. Mañá vou ter olleiras e non vou estar presentable para nada.

HOME - Pensa noutra cousa…

MULLER - Complicado…

HOME - Nas vacacións, por exemplo; nas próximas imos ir a Tunisia.

MULLER - Ti levabas o traxe gris…

HOME - E alí vai ir calor…

MULLER - Logo déchesme os cartos.

HOME - Precisas cartos?

MULLER - Non.

HOME - Prendo a luz?

MULLER - Non.

HOME - Toma un pouco de leite.

MULLER - Non.

HOME - Pois pensa noutra cousa.

Silencio.

Outra vez o gato, desta vez cun ton queixoso, volve coarse pola ventá.

 

MULLER - Nunca me gustou o teu traxe gris.

HOME - Mañá tes que estar presentable. Durme.

MULLER - Coas  lentes negras sempre estou presentable.

HOME - De verdade que non precisas cartos?

MULLER - Non.

Silencio.

 

MULLER - Nunca me gustou chuparche iso.

HOME - Mañá vén un día duro. Temos...

MULLER - Mentinche.

HOME - Temos tanto que facer…

MULLER - Mentinche no da cadeira: xa temos unha cadeira verde. Non pensei o de que quedaría ben no teu estudio… porque a cadeira verde xa está na casa.

Silencio breve.

 

MULLER - No que me fixei foi na boca.

Silencio breve.

MULLER – Tiña moitas engurras nas comisuras dos beizos.

Silencio breve.

Unha gata en celo chama desde a rúa. Un can ladra. Os sons semellan unha persecución ou pelexa.

 

MULLER - De chupar sen ter ganas…

Silencio.

 

MULLER - Creo un pouco en Deus, pero no amor non creo…

HOME - Xa é tarde…

MULLER - Sóubeno polas engurras dos beizos, o de que non creo no amor…

HOME - Demasiado tarde… Sábelo?

MULLER - Sei…

Silencio moi breve.

 

MULLER - Había máis homes que metían a man no peto…

HOME - Mañá hai que madrugar…

MULLER - Tiñan ganas de botar algo na pamela…

HOME - E tes que estar presentable…

MULLER – Pero, como eu estaba a mirar, non botaron nada…

HOME - E así non…

MULLER - Mañá non vou quedar plantada a mirar, e vanse atrever…

HOME - Mañá é outro día.

MULLER - Claro…

Silencio breve.

 

HOME - Vas poder durmir agora?

MULLER - Non sei, pero mañá seguro…

HOME - Queres que prenda a luz?

MULLER - Non…

HOME - Non queres algo de leite frío?

MULLER - Non…

HOME - Precisas cartos?

MULLER - Non, xa teño… hoxe… xa teño, grazas…

HOME - Durme…

MULLER - Si… mañá teño que estar presentable…

HOME - Fecho a ventá?

MULLER - Será mellor, si…

Son de fechar a ventá. Desaparecen os sons de fondo. Silencio.

 

MULLER – Boa noite.

HOME - Ata mañá.

Dúas respiracións arrítmicas.

Van desaparecendo…

 

FIN

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí