CRTVG

Buscar

Podcast

Támara Echegoyen, campioa olímpica

28/05/2016 - 23:30 h

A vela toma de novo o temón do V #GaliciaenRío. Visítanos a campioa olímpica Támara Echegoyen (Ourense, 17 de febreiro de 1984), coa que conversaremos acerca das súas experiencias nos Xogos de Londres, onde acadou a medalla de ouro na clase match race xunto coa tamén galega Sofía Toro e a asturiana Ángela Pumariega. Aspira Támara en Río á súa segunda presea olímpica, desta volta na clase 49er FX acompañada pola cántabra Berta Betanzos.

Chegan avaladas aos xogos polo título de campioas do mundo obtido nos Estados Unidos e o bronce do campionato de Europa celebrado en Barcelona o pasado mes de abril.

A ourensá acumula no seu palmarés, ao tempo, o campionato do mundo da clase match race en 2013, o europeo desa modalidade no ano 2011 e tres títulos mundiais e dous continentais na clase vaurien, o que a converte nunha das mellores regatistas españolas de tódolos tempos. Ademais, conversaremos sobre a produción da información olímpica con José Luís Rojas Torrijos, profesor da Universidade de Sevilla e coordinador do blog periodismodeportivodecalidad.