Panorámica
Lembranza da revolta das Encrobas ante o futuro da central de Meirama
A central térmica de Meirama, en Cerceda, fai neste 2019 corenta anos. E faino co anuncio dos donos, Naturgy, a antiga Fenosa, de que pechará as instalacións, como moi tarde, para decembro. O futuro é unha incógnita, a pesar de que Naturgy presentou un plan para seguir producindo electricidade, pero non queimando carbón, senón residuos industriais e gandeiros.
Remata así unha historia que comezara no ano 1977, cando Fenosa se fixo con todo o val das Encrobas, unha parroquia fértil e rica que gardaba debaixo da terra unha das maiores reservas de carbón de toda España. A oposición dos veciños, que se vían asoballados pola empresa para expropiarlles as casas e as leiras, levou a toda a sociedade galega a revelarse contra Fenosa.
Hoxe, con este traballo de Alberto Ordóñez, repasamos unha parte da historia con algúns dos protagonistas. Un deles, Xosé Bocixa, daquela un neno das Encrobas, que acabou sendo un dos maiores investigadores de todo o conflito e autor do documental: As Encrobas. A ceo aberto.