CRTVG

Buscar

Panorámica

O fenómeno do botellón

27/10/2018 - 14:15 h

A idade media na que os adolescentes galegos empezan a beber é de 14,2 anos; superior á media estatal, situada en 13,2. Reflícteo o documento “Estudio Sociológico cualitativo sobre el consumo de alcohol y cannabis entre adolescentes y jóvenes”; elaborado pola sociedade Socidrogalcohol, o Ministerio de Sanidade, e o Consello Xeral de Traballo Social. Analizan enquisas realizadas a trescentos mil adolescentes. O 60% recoñece que practica o botellón. Segundo os expertos, beber xera agresividade, diminúe o rendemento escolar e provoca alteracións na maduración persoal. Non o sabía Javier, cando empezou co alcol, aos 16 anos, cos amigos. “No momento que deixas de beber, todo se arranxa”, di. Recuperouse grazas a Alcohólicos Anónimos. Non todos saen dese pozo. Por iso, para as administracións locais é importante atallar o problema desde a raíz, a través da  educación. Asegúrao o edil de Convivencia de Santiago, Xan Duro; e a concelleira de Sanidade de Ourense, Sofía Godoy. Os expertos son máis duros. Manuel Isorna, técnico de prevención de drogodependencia e condutas aditivas do concello de Catoira fala directamente de prohibir o botellón.  Nas conclusións do estudo, que recollemos nesta Panorámica realizada por Ánxela Diéguez enuméranse distintas medidas, transversais e complementarias, para rematar con esta práctica. Entre elas, menos permisividade, implicación de todos os axentes sociais cun papel protagonista da familia; e coherencia nas políticas de prevención e prohibición.

Programa de reportaxes presentado por Celia Rúa