CRTVG

Buscar

Os almorzos

Yolanda Díaz, voceira de En Marea no Congreso dos Deputados

26/09/2017 - 08:20 h
Yolanda Díaz, voceira de En Marea no Congreso dos Deputados

A actual voceira de En Marea no Congreso considera necesario que o Goberno emprenda un diálogo coa Generalitat de Cataluña e se pacte a posibilidade de que voten os cataláns. Yolanda Díaz asegurou nos "Almorzos" da Radio Galega que isto xa se fixo noutros estados como Gran Bretaña ou Canadá con Escocia e Quebec. De todos os xeitos, recoñece que nestes momentos "é complexo que se produza unha votación tal e como estaba prevista".

Configuración do Estado

A deputada ferrolá de Esquerda Unida cre que o executivo de Rajoy "está a agudizar aínda máis o conflito con Cataluña" e opina que "non conta coa soberanía popular de España".
Yolanda Díaz di que "o 49 por cento dos votantes do PP queren que se permita votar". Ademais, pensa que "non é democrático investigar a máis de 700 alcaldes e alcaldesas e prohibir actos simplemente por falar de Cataluña".

A voceira de En Marea no Congreso sinalou tamén que o sistema das autonomías xa non serve e está esgotado e por iso avoga por "unha nova reformulación do Estado".

Comisión de investigación do Alvia

Yolanda Díaz e o seu grupo defenden unha comisión de investigación sobre o accidente ferroviario de Angrois e asegura que no pleno do día 28 vai saír adiante. A deputada de En Marea di que as vítimas "merecen xustiza" e "deben comparecer todos os responsables políticos implicados na seguridade ferroviaria".

Satisfeira con En Marea

Sobre a confluencia na que milita, Díaz apunta estar satisfeita porque é a segunda forza en Galicia e a oposición no Parlamento. Recoñece que existen "diferentes posicións", pero asegura que "todos traballan unidos e conxuntamente para avanzar nun proxecto e tecer retos relevantes".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí