CRTVG

Buscar

Os almorzos

"Non pode ser unha suba xeral dos soldos do 3 por cento"

12/01/2018 - 08:22 h

O presidente dos empresarios pontevedreses di que a patronal non pode aceptar unha suba xeral do 3 por cento, como piden os sindicatos argumentando que é o que medrou a economía o ano pasado. Cebreiros nega esas subas porque di que hai sectores, territorios e empresas que non medraron esa porcentaxe.

 "Isto non pode ser. Non pode ser porque non é verdade que dese crecemento do 3% se estean beneficiando todas as empresas".

"Si é verdade que os datos macro están deixando cifras moi positivas: PIB, redución do paro... Si é verdade que as cifras macro son positivas e teñen que ser positivas, porque, se non, non habería ningún tipo de posibilidade de recuperación. Pero estase producindo un desequilibrio en canto á aplicación a que cada unha desas empresas de cada un desdes sectores de cada un dos territorios se estean vendo beneficidos por ese crecemento marco".

"Seguimos tendo o 60% de empresas en España que segue tendo bases impoñibles negativas no imposto de sociedades; seguían en perdas o ano pasado. Temos que ser moi prudentes".

O presidente dos empresarios tamén criticou que por mor do localismo "nos estamos equivocando e o inimigo non está aquí". Puxo como exemplo os aeroportos dunha loita da que se beneficia o aeroporto Sá Carneiro. Ou entre os portos, co que supón unha mellora para o porto de Leixões, tamén en Portugal.

Por iso, foi moi crítico coa ampliación da ponte de Rande. Aínda que matizou que soluciona un problema, insiste en que había outras prioridades máis importantes, como as conexións entre os portos ou especificamente a peaxe de Redondela.

Segundo dixo, a falta de investimentos na fachada atlántica, sen conexións adecuadas nos portos, está facendo que España estea perdendo competitividade, ao igual que coas conexións do AVE.

"Non podemos admitir quedar desconectados das redes europeas do tren", dixo ao falar da falta de conexión coas grandes liñas europeas do tren, xa que a rede europea só recolle que as grandes liñas vaian de Palencia a Madrid e de aí a Portugal.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí