CRTVG

Buscar

Os almorzos

Xosé Manuel Cores Tourís, delegado da Xunta en Pontevedra

29/12/2017 - 08:27 h

O delegado da Xunta en Vigo declarou nos 'Almorzos do Galicia por diante' que é necesario seguir negociando co Ministerio de Fomento para lograr a transferencia da autoestrada AP-9, a eliminación da peaxe de Redondela e a rebaixa xeral das tarifas.

Xosé Manuel Cores Tourís salientou a importancia da entrada en funcionamento mañá dos novos carrís da ponte de Rande e o elevado custo das obras pero, ao mesmo tempo, recoñeceu que esta infraestrutura leva xerándolle moitos cartos á concesionaria porque pasan milleiros de vehículos ao día.

"Opino igual ca a inmensa maioría dos galegos en que habería que renegociar e traballar para rebaixar as peaxes", indicou o delegado da Xunta en Pontevedra. Engadiu, ademais, que "non hai outra alternativa; ir pola outra estrada é un sufrimento, hai que ir a 50 quilometros por hora".

O delegado en Pontevedra indicou que a Xunta segue insistindo ante Madrid na necesidade da transferencia da AP-9 e segue traballando para lograr a gratuidade da peaxe de Redondela.

Sobre o transvasamento de auga do río Verdugo, Cores Tourís manifestou que a reunión de onte entre Agugas de Galicia, os concellos que se abastecen de Eiras e Ponte Caldealas serviu para achegar posturas.

"No que estamos todos de acordo é que algo hai que facer nun tema como o da auga, estamos a falar de que máis de 450.000 habitantes poder ter problemas serios coa auga", dixo Tourís.

O delegado dixo que ademais do transvasamento é necesario que mellore a potabilización da auga. Cores Touris indicou que "Caballero debe recoñecer que Vigo ten un problema serio coa auga. Se non se fan obras na potabilizadora, este problema ímolo ter constantemente porque máis dun 30 por cento da auga non se pode utilizar".

Na entrevista dos 'Almorzos do Galicia por Diante', o delegado da Xunta en Pontevedra manifestouse abertamente partidario de continuar coas fusións de concellos tras a realizada por Cercedo e Cotobade.  Non quixo citar ningún porque advertiu que "deben ser os alcaldes os que se poñan de acordo", pero indicou que sería positivo para todos os concellos por debaixo dos 2.000 ou 3.000 habitantes. Cores Tourís explicou que deberían comezar por unificar servizos como o abastecemento, o sanemaneto ou a recollida do lixo. O delegado tamén se posicionou a favor de crear máis mancomunidades, tomando o exemplo da que vén funcionando no Salnés desde hai 30 anos.

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí