CRTVG

Buscar

Os almorzos

Xosé Luís Barreiro Rivas, politólogo

11/01/2017 - 09:26 h
Xosé Luís Barreiro Rivas, politólogo

O politólogo Xosé Luís Barreiro Rivas contou nos Almorzos da Radio Galega a relación persoal que ten co presidente do Goberno, Mariano Rajoy. "Coñecémonos dende hai corenta anos. Empezamos facendo política xuntos, primeiro en Pontevedra e logo en Santiago". Explica que "cando o chamaron a el para substituírme na vicepresidencia da Xunta, pasamos anos sen vernos, pero nunca tiven un problema persoal con el". Engade que "volvemos retomar a relación tempo despois, cando nos atopamos nunha rúa de Sanxenxo". O último encontro entre Barreiro Rivas e Mariano Rajoy foi a semana pasada en Pontevedra, onde ambos mantiveron "unha comida agradable, nada especial, unha comida entre amigos".

Barreiro Rivas describe a Rajoy como "unha persoa predicible, moi apegado á lóxica. O problema é que en España sempre se tende á teoría da conspiración, a pensar que as cousas teñen un significado oculto, cando na maioría dos casos son cousas obvias". Explica Barreiro que a Rajoy lle tocou "lidar con problemas de grande envergadura e saíu deles con gran serenidade". De feito, "despois da revolución e dos cambios que supuxo a chegada da nova política, o único que segue vivo politicamente é el".

Barreiro Rivas asegura que non sabe se Rajoy se volverá presentar á presidencia do Goberno, pero advirte que "se non se fai política moi ben nesta lexislatura, se o Parlamento non pon as pilas e os grupos mudan os seus posicionamentos actuais, é posible que lle teñamos que pedir a Rajoy que volva presentarse, queira ou non queira, e nese caso eu non sei o que decidirá". O que ten claro Barreiro é que el non volverá á política. "Van trinta anos de ausencia; tiven oportunidades boas para volver e non dubidei. Nin quero volver á política nin sería positivo para ninguén".

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí