CRTVG

Buscar

Os almorzos

Xoaquín Fernández Leiceaga, voceiro do grupo parlamentario do PSdeG-PSOE

19/07/2017 - 09:27 h
Xoaquín Fernández Leiceaga, voceiro do grupo parlamentario do PSdeG-PSOE

O voceiro parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, confirma na Radio Galega que está meditando presentarse á secretaría xeral do PSdeG e afirma: "Estouno reflexionando seriamente". Despois de que o socialistas Gonzalo Caballero confirmase que está disposto a dar a batalla polo liderado do PSdeG, Leiceaga prefiere agardar ata que se convoquen as primarias para anunciar a súa decisión.

Eu son respectuoso coas formalidades. As primarias non están convocadas, polo tanto, anunciar que te vas a presentar a algo que non está convocado, non forma parte dos meus hábitos. Hai un tempo para apurar a reflexión e cando toque anunciarei a miña decisión

Temos a obriga de construír unha alternativa de esquerda ás políticas do PP en Galicia, esa é a nosa responsabilidade. Ademais de ser capaces de dialogar con outras forzas de esquerda. O liderado orgánico do partido ten que ser o liderado social por iso estou meditando 

Leiceaga recoñece que o PSdG está "máis estabilizado" e achaca esta situacion á vitoria de Pedro Sánchez que fixo que o partido "teña unha dirección clara, un rumbo e iso axuda a que en Galicia o partido esté tamén mais tranquilo".

Ademais, cre que a estabilidade vén dada tamén á cohesión no grupo parlamentario porque di: "Fíxose un esforzo para facer unha acción política sensata a pesar das diferenzas e das distintas sensibilidades que existían".

Sobre a petición que presentará esta mañá o PSOE no Congreso dos Deputados de crear unha comición de investigación na Cámara Baixa sobre o accidente de Angrois, Leiceaga di que está satisfeito porque "coa xestora do PSOE non tiñamos receptividade con este tema. Nesas cuestións é onde percibimos o cambio", en alusión á chegada de Pedro Sánchez á secretaría xeral do PSOE. 

Con todo, Leiceaga non considera que sexa necesario crear unha comisión de investigación no Parlamento de Galicia, como reclama o BNG.

Non debemos decepcionar os cidadans con crear comisións en temas en que non temos competencia en Galicia e que non van conducir a resultados. Do que se trata é de comisións que xeren resultados e que den resposta ás lexítimas demandas das vítimas

Agarda que canda menos o PP se absteña para que se poña en marcha a comisión de investigación.

Sobre a AP-9, cre que "estamos forzando unha discusión e gañaremos porque existe un apoio masivo no Parlamento de Galicia. Do que temos dúbidas e da solidez e posición de Feijóo".

Di que está "razoablemente satisfeito" co traballo como voceiro parlamentario no PSdeG e pon en valor o diálogo tanto con En Marea como co BNG. Ante o debate territorial, Leiceaga di que "nós estamos a favor dunha España que defenda a pluralidade de identidades pero en igualdade de condicións. Ser diferentes non quere dicir ser privilexiados"

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí