CRTVG

Buscar

Os almorzos

Xavier Labandeira, director da Unidade de Investigación de Política Climática do Instituto Universitario Europeo

07/05/2015 - 09:30 h
Xavier Labandeira, director da Unidade de Investigación de Política Climática do Instituto Universitario Europeo

O director da Unidade de Investigación de Política Climática do Instituto Universitario Europeo, o vigués Xavier Labandeira, sinala que tanto Galicia como España teñen "moito por facer aínda na loita contra o cambio climático".

Nos Almorzos do "Galicia por diante", Labandeira recomendaba tomar medidas como incrementar os impostos enerxéticos, realizar unha maior aposta polas enerxías renovables ou impulsar melloras na eficiencia enerxética.

"No eido da eficiencia enerxética hai moito traballo por facer. No sector público hai grandes posibilidades de mellora en hospitais ou en escolas, pero tamén no sector privado, cambiando caldeiras ou instalando dobres fiestras", subliña o investigador.

A este respecto, o director da Unidade de Investigación de Política Climática cre que España tamén debería tomar medidas como o aumento dos impostos enerxéticos. Unha medida que, segundo di, non tería por que afectar en maior medida ás rendas máis baixas. 

"Hai quen cre que os impostos ambientais son regresivos, e os nosos estudos para España demostran que un imposto sobre os carburantes tende á proporcionalidade. Ademais, existen métodos para compensar ás rendas máis baixas", avanza Labandeira.

O investigador do Instituto Universitario Europeo salienta que o cambio climático é un proceso "a medio prazo" e que as súas consecuencias non se farán patentes "ata dentro de decenios". No caso galego, di Xabier Labandeira, as maiores preocupacións céntranse en como afectará o sector forestal e os posibles cambios de temperatura no mar.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí