CRTVG

Buscar

Os almorzos

"Para nós o proceso de Paula Quinteiro xa está pechado. Agora ela ten que asumir responsabilidades"

25/05/2018 - 08:24 h

A vicevoceira de En Marea, Ana Seijas, explicou nos 'Almorzos' da Radio Galega que dan por rematado o proceso da deputada Paula Quinteiro por mor do incidente coa Policía Local de Santiago hai máis de dous meses. "A consulta é o final do proceso. Non hai nada por riba das bases e xa falaron. Elas fixaron a posición política de En Marea e pediron a dimisión da deputada". Agora a pelota está no tellado de Quinteiro. "Esperamos que reflexione, que asuma a súa responsabilidade e amose a madurez que cómpre en política e coa que dixemos que transformariamos a sociedade. Quinteiro debe reflexionar sobre o que lle dixeron as bases, que son as persoas que nos elixiron".

Ana Seijas non quere aventurar cal será a decisión de Paula Quinteiro, se dimitirá ou non. "A situación de Quinteiro é diferente dende onte. Deámoslle tempo para reflexionar. Tamén hai que agardar a ver que pasa coa consulta (sobre o chalé de Pablo Iglesias e Irene Montero) que remata o domingo. Igual as decisións que se tomen noutros sitios axudan a reflexionar sobre a importancia das consultas".

Ao preguntarlle pola baixa de Rafa Sisto, alcalde de En Marea en Teo, tras o resultado da consulta, Ana Seijas di que "En Marea é unha organización horizontal onde todos os inscritos teñen o mesmo valor. Lamentamos a marcha de Sisto, aínda que sempre temos as portas abertas. A situación pode ser reconducible, pero entendo que hai que respectar o que deciden as maiorías. Lamento que Sisto non estea de acordo coa xestión do tema, pero hai unha resposta democrática das bases".

Falou tamén Ana Seijas da sentenza do caso Gürtel, que se coñeceu nas últimas horas e que condena o PP como partícipe a título lucrativo da trama de corrupción. Seijas fai fincapé en que "por primeira vez un partido político é condenado por corrupción" e pensa que iso ten que ter consecuencias. "Nós apoiariamos unha moción de censura para quitar das institucións un partido corrupto e que entende a democracia como un beneficio para uns poucos. Nós viñemos mudalo todo, non apoiaremos a corrupción en ningún ámbito e, se se pode facer unha moción de censura e ter outro goberno, aí estaremos"

Ao preguntarlle sobre se participarían nunha moción de censura encabezada polo PSOE en que tamén estivese Ciudadanos, "nós agardamos un cambio político. O máis importante é quitar das institucións un partido corrupto que se dedica a roubar e a poñer a disposición duns poucos o que é de todos. Apoiaremos aquelas formas que queiran afastar o PP. Haberá que ver como se conforma iso. De momento, o noso apoio ao PSOE, que é quen pode liderar a moción de censura".

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí