CRTVG

Buscar

Os almorzos

"Espero que os sindicatos entren en razón"

04/05/2018 - 08:27 h

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, responsabiliza aos sindicatos da dilación da folga da xustiza e afirma que só estaría disposto a sentarse con eles se na reunión participan todas as centrais que conforman o comité de folga.

"Se é para recuperar os cartos da folga, non ten sentido sentarse. Se é para rematar coa folga, con todos os sindicatos si; non cun comité de folga fracturado -asegurou Rueda nos 'Almorzos do Galicia por diante'-. Se me sento é para pechar o acordo, non para prolongalo". O vicepresidente da Xunta insiste en que sería ilegal e ilóxico que os funcionarios recuperen os cartos que perderon nestes tres meses de folga. 

Rueda afirma que neste momento dous son os puntos que impiden a consecución do acordo. O primeiro: incrementar en doce euros máis do ofertado o complemento autonómico que perciben os funcionarios para que poidan recuperar os cartos que perderon coa folga.

O vicepresidente da Xunta afirma que "algúns sindicatos lles aseguraron aos funcionarios qua a folga lles ía saír gratis, que o que se lles descontaba o ían recuperar. Pero, claro, quen fixo folga ten que saber que hai unhas consecuencias". Engade que sería "ilegal e ilóxico" facer esta concesión e que "a cidadanía non o entendería" e, por tanto, "a Xunta como administración responsable non o vai permitir". 

En segundo lugar, Rueda rexeita a opción de que só os funcionarios que fixeron folga poidan participar nun plan deseñado con xuíces e fiscais para recuperar o traballo perdido durante estes meses de conflito. Cre que nese plan deberían participar todos.

E, por último, o vicepresidente da Xunta insiste en que non pode prometer garantirlles aos funcionarios que as súas retribucións queden en cuarta posición a nivel estatal. Insiste en que "non somos a cuarta economía de España" e ceder nisto "non ten ningún sentido".

O vicepresidente da Xunta confía en que os sindicatos "entren en razón" e afirma que está disposto a sentarse con eles, pero non se é só "para recuperar os cartos da folga, porque esa promesa é incumprible. Se é para rematar coa folga, si; pero con todos os sindicatos, non cun comité de folga fracturado".

Sorte a Escotet
Na entrevista, o vicepresidente da Xunta referiuse á decisión do presidente de Abanca de deixar temporalmente o seu cargo para viaxar a Venezuela despois de que o Goberno daquel país interviñese o seu banco, Banesco, e detivese once executivos do mesmo.

"Se Escotet decidiu que tiña que ir deixando os seus cargos en Abanca é porque viu a necesidade e porque a situación é grave. Eu deséxolle toda a sorte do mundo e que non afecte ao seu negocio bancario en Galicia, que está creando riqueza".

Rueda considera pouco oportuna a convocatoria de folga xeral anunciada pola CIG para o vindeiro 19 de xuño.

"Os empresarios din que as folgas valen para todo, menos para crear riqueza. Alá cada sindicato, pero neste momento no que as cousas empezan a funcionar e empezan a coller velocidade, o que hai que facer é arrimar o ombro, e o menos oportuno é convocar esa folga xeral".

O vicepresidente da Xunta confía en que a viaxe do presidente a México dea froitos e insiste en que será el, Alberto Núñez Feijóo, quen decida cando e como anuncie os nomes das persoas que encabezarán as listas do PP de cara ás próximas eleccións municipais. Como presidente provincial do PP en Pontevedra, Rueda cre que debería facerse "sen présas pero sen pausas", xa que os candidatos menos coñecidos necesitan tempo para darse a coñecer ante a cidadanía".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí