CRTVG

Buscar

Os almorzos

Victor Freixanes, presidente da Real Academia Galega

25/07/2017 - 09:27 h
Victor Freixanes, presidente da Real Academia Galega

O presidente da Academia, Víctor Freixanes, pediu máis diñeiro para protexer o galego e a institución. E incluso propuxo que os concellos ou as empresas privadas se impliquen e destinen fondos para a RAG.

Se unha institución como a RAG ten nas súas mans a responsabilidade da lingua, aínda que hai outros estamentos, ten que ter recursos, ten que ter unha organización de persoas, de recursos económicos, científicos... para dar conta diso

É necesario que se impliquen os concellos, que se implique a sociedade civil, que se implique o mundo da empresa, na construción e no afortalamento dunha institución como é a Academia, que é de todos

O primeiro obxectivo inmediato, que me preocupa moito, é estabilizar orzamentaria e economicamente a institución. A institución ten unhas obrigas de defensa da lingua, de coñecemento da lingua, de estudo da lingua, de axilización e de dispoñibilidade do dicionario, do léxico, da toponimia, da onomástica, de todo o que ten que ver coa dinamización do idioma

Iso é un equipo de profesionais. Os académicos non cobran pero hai 25 persoas na Academia que son 25 profesionais que son lexicógrafos, filólogos, que son xente con coñecementos para darlles resposta ás demandas da sociedade

O presidente da Academia destacou que o dicionario da web recibe cada día 62.000 consultas. E apuntou que iso supón a responsabilidade de mantelo e amplialo coa fraseoloxía, refráns, etc.

Iso significa recursos económicos e estabilidade deses recursos, non ir todos os anos petando nas portas das institucións pedindo diñeiro como se fósemos esmoleiros. Non, non é iso. Isto é degradar a institución incluso. Todos os galegos e galegas teremos que ser conscientes de que esta institución hai que coidadala, hai que dotala de recursos

Freixanes recordou que a RAG ten un orzamento inferior ao millón de euros, cando en Euskadi destinan tres millóns e en Cataluña case nove.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí