CRTVG

Buscar

Os almorzos

Valentín González Formoso asegura que non será o candidato á presidencia da Xunta

18/12/2017 - 08:26 h
Valentín González Formoso asegura que non será o candidato á presidencia da Xunta

O gañador das primarias do PSdeG na provincia da Coruña, Valentín González Formoso, asegurou nos "Almorzos" da Radio Galega que non será o candidato á presidencia da Xunta.
Neste sentido apuntou que, se tivese que pasar por unha notaría, confirmaríao "ao cen por cento". Ademais, "non se arrepinte de non se presentar ao liderado da secretaría xeral do PSdeG" porque o "esforzo xa é enorme facéndoo a nivel provincial".

Valentín González Formoso felicitou á súa contrincante, Mercedes Rosón, "pola súa postura construtiva" e asegurou que "foi un proceso moi intenso e de contacto cos compañeiros".

Sobre o secretario xeral do partido, Gonzalo Caballero, dixo que lle fixo "unha chamada de cortesía e que se congratulou por como foi o proceso das primarias na provincia". González Formoso considera que, malia que tivo pouca relación con el, "Gonzalo tivo a actitude de non interferir nestas primarias".

Todos compartimos o mesmo proxecto e a lexitimidade que dá o paso polas urnas dálles máis capacidade aos cargos

Tamén apuntou o novo secretario provincial dos socialistas coruñeses que o candidato á presidencia da Xunta debe ser o secretario xeral, pero hai que convencer ao resto dos militantes. Sobre a acumulación de cargos institucionais e de partido dixo que "non vai abandonar ningún". Na actualidade é alcalde das Pontes, presidente da Deputación e secretario provincial do PSdeG.

A González Formoso gustaríalle rematar coa desmotivación existente entre os militantes.

Falar do que lle preocupa á xente: acabar co minifundismo, un novo modelo económico para que os mozos non marchen, achegar estabilidade ao sistema público de pensións

O tamén presidente da Deputación dixo que a relación "é excepcional con todas as forzas políticas e dependemos do apoio das forzas progresistas e non progresistas".

González Formoso tamén apuntou que "a cidadanía quere que o PSOE volva á senda progresista e facer unha nova revolución nun momento de desmotivación social. Ser capaces de cambiar as cousas, con sentido".

Por último, sinalou que en todo momento lles pediu aos alcaldes e concelleiros socialistas que "por riba dos intereses de partido están os dos cidadáns".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí