CRTVG

Buscar

Os almorzos

"É unha irresponsabilidade que o PSOE e Podemos se negasen sequera a negociar os orzamentos sen coñecer unha soa coma"

26/01/2018 - 08:20 h

O PP dáse tres meses de prazo para conseguir os apoios necesarios para sacar adiante os presupostos de 2018. A falta dunha maioría no Congreso e a situación en Cataluña están dificultando a negociación. Nos Almorzos do 'Galicia por diante', o voceiro de orzamentos do grupo popular, Jaime de Olano, lembrou que o ano pasado o seu grupo conseguiu pactar as contas públicas con outras seis forzas políticas e neste exercicio "o PNV non quixo sentar a negociar ata que a situación en Cataluña se normalice". Así as cousas, De Olano pídelle ao PSOE que se aveña a negociar: "Os presupostos afectan todo; por iso creo que é unha irresponsabilidade que o PSOE e Podemos se negasen sequera a negocialos sen coñecer unha soa coma", apuntou. "Criticar unhas contas públicas cando non coñeces nin unha soa coma réstalles credibilidade".

De Olano asegura que, se antes de abril o PP non consegue pechar acordos con outras forzas políticas, será preciso seguir todo o ano cuns orzamentos prorrogados.

Cataluña, paro e reforma constitucional 
Na entrevista da Radio Galega, o deputado do PP por Lugo no Congreso, Jaime de Olano, repasou outros asuntos de actualidade. Afirma que o ocorrido en Cataluña "roza o esperpento", cun candidato empeñado en ser investido telematicamente. Ao seu xuízo, os nacionalistas "están xogando ao gato e o rato escondendo o candidato", xa que "Puigdemont non está inhabilitado porque non existe sentenza, pero é un prófugo da xustiza que reside no estranxeiro para evitar sentar diante dun xuíz e ir con toda probabilidade ao cárcere".

O deputado popular asegura que, para acometer unha reforma constitucional, sería preciso concitar un grao similar de consenso ao acadado no 78. Afirma que o actual modelo territorial "funciona ben, aínda que se poden facer retoques" e pídelle ao PSOE que aclare a súa posición, xa que, ao seu xuízo, "o modelo territorial do PSOE está por descubrir, xa que eles falan dun modelo federal asimétrico, que ninguén sabe moi ben o que é".

Jaime de Olano gaba a política económica do seu grupo, que ao seu xuízo permitiu crear medio millón de empregos en tan só tres anos. "As cifras da EPA son positivas, pero queda moitísimo por facer. Hoxe en España o índice de temporalidade é menor que durante a crise. Pero non significa que sexamos autocompracentes porque a calidade no emprego e os salarios deben subir".

O deputado popular critica os sindicatos por poñeren en cuestión o modelo económico do PP e recorda: "En 2012, cando chegamos ao Goberno, non había unha cifra económica positiva. Coa esquerda expulsabamos ao paro 800 mil persoas ao ano. Os sindicatos teñen tendencia a criticar a política económica e de emprego do PP, pero, se nos fixamos no ocorrido ao longo da historia,  cando goberna a esquerda, destrúese emprego e, cando goberna o PP, créase emprego". O obxectivo do Goberno é que, cando remate a lexislatura en 2020, 20 millóns de españois estean traballando.

 

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí