CRTVG

Buscar

Os almorzos

"A Xunta non é a única que ten que encargarse dos labores de prevención de incendios"

11/05/2018 - 08:22 h

O director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, explicou que están ultimando un convenio para que os concellos manteñan limpos os montes daqueles propietarios que non cumpren a obriga legal de rozar e de cortar os eucaliptos, piñeiros ou acacias nas beiras das casas antes do 30 deste mes.

"A lei marca que son os propietarios dos terreos os que teñen que manter en condicións de roza anual os montes. Desde hai anos, hai unhas distancias que son de 50 metros ás casas en que non pode haber piñeiros, eucaliptos nin acacias. É o propietario o que a debe realizar, pero pode haber unhas accións subsidiarias municipais. Nós non somos os únicos con labores de prevención. Somos un elemento máis. Somos un axente máis, moi importante, pero non o único precisamente".

"Creo que hai administracións locais con recursos como para ter actuacións de prevención en marcha, pero en todo caso si hai moitos concellos con problemas de financiamento. Por iso, estamos pechando un convenio no que hai moi boa predisposición. Imos colaborar coa Administración local. Neste ano serán 6 millóns de euros, o 100% financiados pola Xunta de Galicia, neste primeiro ano. A partir deste ano, estamos falando de dez anos, a Administración autonómica porá 7,5 millóns e o conxunto das administracións locais das catro provincias terían que poñer 2,5".

O responsable do sector forestal da Xunta tamén indicou que, neste momento, non teñen declarado ningún lume activo en Galicia, pero destacou que nos últimos días houbo incendiarios que aproveitaron que había néboa para prender lumes.

Deste xeito, os equipos de extinción non deron detectado o fume e, polo tanto, tardaron horas en saber do incendio. Aínda que o persoal chegou tarde aos lumes, puido sufocar as lapas.

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí