CRTVG

Buscar

Os almorzos

"Temos que ver se Podem apoia un cambio na Mesa ou se ten un pacto cos separatistas"

09/01/2018 - 08:21 h

A deputada electa de Ciutadans Sonia Sierra avanzou esta mañá nos 'Almorzos' da Radio Galega que chegan con ánimo de diálogo á reunión que manterán esta tarde con Catalunya en Comú-Podem para testar as súas intencións de cara ao futuro político de Cataluña.

Temos que ver se Podem apoia un cambio na Mesa ou se ten un pacto cos separatistas e segue sendo a súa muleta, como ata o de agora

Cando faltan oito días para que se constitúa a Mesa do Parlament, Sierra insistiu na conveniencia de que a Cámara estea presidida por un constitucionalista que sexa garantía de que non se volve romper a lei. Apuntan que ese presidente debería ser de Ciutadans, por ser a forza máis votada, e propoñen a Jose María Espejo para o cargo.

Sobre as dificultades que pode ter o bloque soberanista para conformar goberno, tendo en conta a residencia en Bruxelas de Puigdemont e de varios deputados electos e a permanencia no cárcere doutros, Sierra apunta que "o máis sinxelo sería poñer un candidato que non estivese imputado".

Se eles decidiron escoller candidatos que teñen problemas coa xustiza, terán que dar as súas explicacións

Neste sentido, a representante de Ciutadans di que o que ten que facer Puigdemont é volver e dar a cara ante a xustiza. Estamos falando dunha persoa "que vive en Matrix, convencido de que é o Presidente dunha Repúlica e que pode gobernar por whatsapp".

Sierra insistiu en que a Lei electoral prexudicou a Ciutadans nos comicios e avoga por un cambio da norma. Sobre a posibilidade de que haxa que repetir as eleccións, apuntou que "todo é posible".

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí