CRTVG

Buscar

Os almorzos

“Sería imperdoable que unha empresa como Benteler precise de chan industrial e que non llo proporcionemos”

31/03/2018 - 08:11 h

O secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, aposta na Radio Galega por facilitarlles o camiño ás empresas que queiran desenvolver proxectos en Galicia. Deste xeito se pronunciaba ao ser preguntado pola posibilidade de que o grupo Benteler implante unha segunda factoría na contorna de Vigo, en concreto en Mos.

Tras lembrar os bos datos de Benteler en Galicia, Mallón opinou que “é moi boa nova esa previsión de nova planta ben sexa en Mos, ben sexa en Vigo”. Ante a posibilidade de que finalmente se instale en Portugal, o secretario xeral da patronal do metal apelou a empresas, Xunta e administración para “facilitar estas implantacións” porque “sería imperdoable que unha empresa como Benteler precise de chan industrial e que non llo proporcionemos”. Para Mallón “temos que facilitar o máximo, non desperdiciar ningún investimento”.

Respecto á falta de man de obra cualificada demandada polo sector do metal, sobre todo para o naval, Mallón admite que malia os últimos plans presentados “imos chegar tarde, sen dúbida”para satisfacer as necesidades este ano. Para o secretario xeral de Asime, hai que “intentar paliar esa situación” porque “non sería de recibo que quedemos a medio camiño” cando se conseguiu o máis difícil que é acadar carga de traballo.

Sobre o naval, e malia terllo solicitado á Xunta tanto patronal como sindicatos, Mallón recoñece que aínda “non hai data” para reunir a Mesa do Naval. Mesmo di que “en parte nos sorprende un pouco” pero que se non parte da Xunta, “teremos que reunirnos como facemos habitualmente cos sindicatos, sindicatos e patronal” e así “poder facilitar eses cursos e esa inserción”.

Enrique Mallón, que tamén preside o Consorcio Aeronáutico Galego, augura “moi bos anos para a industria aeronáutica” en Galicia e dixo que no Congreso Internacional que se celebrará en Vigo en abril intentarán que “os provedores galegos poidan estreitar lazos de cooperación e obter máis carga de traballo e máis pedidos”. Nese foro haberá presenza de grandes fabricantes e insiste Mallón que no caso de empresas como Airbus -que anunciou axustes- “non prevemos que afecte directamente a Galicia”, aínda que si a outras comunidades. Tamén fixa esperanzas no proxecto de desenvolvemento de drons en Rozas. Mallón agarda que na segunda fase do proxecto “a participación dos grandes fabricantes aeronáuticos se asente en Galicia, ben sexa cunha planta ou ben sexa cos proxectos que deriven de Rozas”.  

 

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí