CRTVG

Buscar

Os almorzos

"Pensamos pedirlle á Unión Europea compensacións pola crise do tax-lease"

06/02/2018 - 08:25 h

O Clúster do Naval Galego augura un ano de contratos para o sector. O xerente de Aclunaga, Óscar Gómez, afirma que este 2018 vén marcado polo progreso e a recuperación logo de varios anos de parada, debida sobre todo á crise do tax-lease. As dúbidas sobre a legalidade destas axudas provocaron despedimentos e levaron a Galicia a mínimos históricos na contratación de persoal.

Tras o ditame favorable do Tribunal Superior de Xustiza Europeo, o sector estuda pedir compensacións.

Non está cuantificado aínda, pero pensamos en pedirlle á Unión Europea compensacións polo tempo perdido; non tanto pola perda de ingresos dos estaleiros, senón pola perda de traballo e de man de obra que houbo eses anos

Óscar Gómez afirma que este sistema de axudas, do que se beneficiou España e que foi interrompido no seu día debido á presión de países como Holanda ou Noruega, foi moi beneficioso para os estaleiros galegos.

Cada vez que os holandeses falan de novo disto é malo para todos porque comeza a montarse unha bóla de neve que podería xerar de novo un problema

Apunta, ademais, que outros países contan con outras bonificacións para o sector naval que ninguén pon en cuestión. "Apoiar o sector naval non é un delito: pódese facer".

O sector afronta con optimismo este 2018. "Progreso e recuperación é a palabra que define neste momento o naval", apunta Óscar Gómez. O xerente de Aclunaga afirma que existen neste momento vinte e cinco pedidos pechados, pero podería haber pronto algún máis: "Pronto haberá novas noticias. Serán importantes e cun valor interesantísimo para Galicia". Segundo Gómez, neste momento os barcos máis rendibles para o sector son os barcos de guerra, aínda que non tanto como as plataformas off shore, tan importantes no seu momento para a viabilidade do naval.

O xerente do Clúster do Naval de Galicia -que agrupa a 118 empresas do sector- pon en valor as chamadas "empresas gacela", que representan un 35 por cento de Aclunaga e que teñen gran capacidade exportadora e de distribución por todos os continentes. Son empresas mixtas dedicadas, sobre todo, á fabricación de cubertas ou ao tratamento de auga, líderes no mercado internacional. "Hai xente que fixo os deberes e outros que quedaron máis abaixo", afirma, e ponas como exemplo de recuperación.

Óscar Gómez afirma que neste momento o naval precisa 1.500 traballadores cualificados, xa que moitos dos que había fuxiron a outros sectores por mor da crise.

Como non podemos garantir estabilidade para máis de cinco ou seis anos, a xente buscou outros sitios. Era xente formada por nós, preparada por nós; recuperala é complicado. Queremos que a xuventude se sinta atraída polo sector naval, pero é complicado

Dende Aclunaga cren que é preciso "mellorar as condicións salariais e a formación" para atraer novos operarios. De non haber suficientes, afirma, "haberá que buscalos fóra. Será preciso chamar xente nosa que traballa noutros países, como Holanda, Polonia ou Turquía". Para conseguilo, serán moi importantes -asegura- as axudas á formación publicadas hai uns días por Bruxelas, que permitirán formar traballadores con perfís propios do sector naval.
A engalaxe de Navantia e Pescanova.

Óscar Gómez pide que os políticos non usen o naval como arma arreboladiza, reclama que se lles consulte cada vez que se abordan asuntos relacionados co sector e gaba o proceso de tecnificación posto en marcha por Navantia, todo un exemplo para o naval.

Segundo o xerente de Aclunaga, "estanos servindo de referente, como é PSA para o sector da automoción" e aplaude os cambios efectuados na cúpula do estaleiro.

Son xente nova que coñece o sector. O actual presidente de Navantia empezou na empresa, coñece as dificultades e está aberto a colaborar con nós no que lle pidamos

Gómez gaba tamén a transformación da antiga Pescanova. "Estanse facendo mellor as cousas, iso segurísimo, e isto podería traer consigo moitos contratos para o naval".

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí