CRTVG

Buscar

Os almorzos

“Non cremos que En Marea teña que ser unha marca paraugas para as eleccións municipais"

12/05/2018 - 08:18 h
“Non cremos que En Marea teña que ser unha marca paraugas para as eleccións municipais

O secretario de Organización de Esquerda Unida augura que, se Podemos se une á Marea en Vigo  nas municipais de 2019, “a situación de Abel Caballero vai cambiar radicalmente”.

O secretario de Organización de Esquerda Unida, o tamén voceiro de Marea de Vigo, Rubén Pérez, cualifica de “boa nova” que Izquierda Unida e Podemos contemplen un acordo marco para as citas electorais de 2019. Acordo cuxos principios se debaterán e votarán hoxe na Asemblea Política e Social de IU á que acode como secretario de organización en Galicia o propio Pérez. No Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, Rubén Pérez di que é “unha boa nova” porque “Esquerda Unida en Galicia leva moitos anos traballando nos procesos de unidade popular”. Para o secretario de Organización de EU, a cuestión da “personalidade xurídica” non é a que “imposibilita a participación en procesos de unidade popular”. De cara a ese acordo con Podemos no plano estatal, Pérez lémbralles aos membros da formación morada que “IU renunciou á súa marca en moitísimos espazos e o resultado foi absolutamente positivo” polo que aposta por unha marca “superadora”. Rubén Pérez amósase convencido de que ese acordo dálles “posibilidade de alcanzar máis alcaldías e consolidar as que temos”. Mesmo puxo o exemplo de Vigo para dicir que en “2015 Podemos non participou na Marea de Vigo, sexamos capaces de buscar un espazo unitario, seguramente vai significar tamén que a situación de Abel Caballero vai cambiar radicalmente”.

Pérez cre que “o que temos que preservar son os espazos municipalistas que construímos no ano 2015, eses espazos nos están trasladando dunha maneira clara e meridiana que queren ser espazos autónomos”.

En Marea creo que ten que facer unha reflexión que ao mellor o seu espazo non é o espazo municipal e o que ten é que recoñecer os espazos municipalistas que están construíndo o estado e chegar a acordos nos que recoñezamos realidades diferentes

Non só iso senón que teimou en asegurar que “nós non cremos que teña que haber marcas paraugas absolutamente delimitadoras".

De feito cremos que o acordo Izquierda Unida-Podemos, acordos maiores,  terán que respectar a existencia da Marea de Vigo, a existencia de Compostela Aberta (…). Non cremos que En Marea teña que ser unha marca paraugas para as eleccións municipais naqueles sitios,  obviamente onde si o decidan voluntariamente os espazos que constrúen a unidade popular

Ante correntes críticas contra este camiño de Esquerda Unida, caso do colectivo Actúa, o secretario de Organización de EU cargou a man contra Gaspar Llamazares.

Non entendemos que militantes en activo de Izquierda Unida como Gaspar Llamazares, que ocupan papeis organizativos, papeis significativos en parlamentos autonómicos estean promovendo partidos que logo nos din que van competir electoralmente con Izquierda Unida. Iso chámase deslealdade

No que atinxe a Galicia, Pérez reduce o posible impacto ao asegurar que “para nós é absolutamente residual ese impacto que vai ter”, nomeadamente en Ferrol onde un dos fundadores de Ferrol en Común deixou a formación e ameaza con crear outro co que concorrer ás municipais.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí