CRTVG

Buscar

Os almorzos

"Cando preguntamos á rapazada 'e vós por que non falades galego?' responden: 'pois porque vós non nos falades en galego'"

15/06/2018 - 08:23 h

A nova presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez,defendeu no 'Galicia por diante'da Radio Galega a necesidade de deseñar políticas lingüísticas que freen a perda de galegofalantes nas idades temperás.

Para Rosario Álvarez, a clave está na axeitada transmisión xeracional. Lembrou que, segundo estudos recentes, abundan os adolescentes que perderon o galego porque os pais optaron por falarlles en castelán. Multiplícanse tamén os casos de nenos que escoitan galego no fogar, pero perden o hábito ao chegar a escola e relacionarse en castelán cos compañeiros.

Rosario Álvarez, que acaba de coller a remuda de Ramón Villares, aposta por achegar a cultura á sociedade. Entende que se deben aproveitar as grandes infraestruturas, pero tamén os pequenos equipamentos das localidades; citou como exemplo as escolas de indianos.

A nova presidenta do Consello da Cultura reclamou o estreitamento de lazos culturais coa cultura lusófona, con Europa e co Atlántico. Apuntou neste sentido que os galegos somos coñecidos dende Terranova a Ushuaia.

Horas despois do nomeamento do novo ministro de Cultura, Rosario Álvarez botou en falla maior interlocución coa política ministerial e resaltou o peso da cultura na economía: un 2% do PIB e un 3% dos postos de traballo.

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí