CRTVG

Buscar

Os almorzos

Rosa Quintana, conselleira do Mar

18/09/2017 - 08:18 h
Rosa Quintana, conselleira do Mar

A conselleira do Mar pide calma aos naseiros galegos, que se queixan de que a campaña do polbo está sendo peor que a do ano pasado. Hai menos produto e máis caro que en 2016, mentres que coa nécora pasa todo o contrario.

Rosa Quintana pídelle ao sector "calma" e que "revise cifras", xa que 2016 foi un ano excepcional tanto en descargas como en facturación, pero os datos deste ano son mellores que os de 2015. "O prezo está moi ben, as descargas son inferiores ao 2016, pero superiores ao 2015" -apuntaba na Radio Galega, nos Almorzos do 'Galicia por diante'-. "Espero que recuperemos datos de aquí a abril de 2018, que é cando se pecha a campaña".

Ademais, a conselleira do Mar pídelle á frota galega que xestione os bancos de cabalón -un peláxico parecido á xarda- antes de que o faga a Unión Europea. "É importante que nos xestionemos nós antes de que nos impoñan restricións da Unión Europea", asegura. "Os recursos naturais son limitados e hai que aproveitalos e tentar facer unha pesca eficiente", dicía, pero sempre pedíndolle ao consumidor que pague un prezos xusto porque "non é posible que capturemos especies e as poñamos á venda a menos dun euro".

 

A responsable do Mar do Goberno galego confía en que en decembro poida reabrirse a pesqueira do lagostino porque "hai máis do que os científicos da Comisión teñen enriba da mesa" e espera que o sector e a Administración se poñan de acordo para modificar a orde que permite intercambiar cota con outros países da Unión Europea.

Rosa Quintana critica ao Reino Unido por pretender negociar por separado cos países da Unión Europea mentres avanza no seu proceso de desconexión, xa que, ao seu xuízo, "se xogamos ao plan que tenta facer o Reino Unido, poderiamos perder todos", e espera que a capacidade negociadora da Unión Europea dea os seus froitos con Mauritania para poder chegar de novo a acordos con ese país.

A conselleira do Mar agarda que a campaña marisqueira de Noia sexa boa e felicita á confraría de Muros, xa que "incrementaron a facturación respecto ao ano pasado; hai abundancia de producto e de boa calidade"

Quintana aposta por reducir as zonas de libre marisqueo e convertelas en zonas de autorización, xa que -segundo dixo- "o concepto de que o que é de todos non é de ninguén non é bo para a explotación do mundo do mar" e ademais "as zonas xestionadas polas confrarías van mellor que as de libre marisqueo"

 

Rosa Quintana defende a utilización dos drons para loitar contra os furtivos e pide tolerancia cero con estas prácticas. "Estamos traballando cos fiscais para tramitar expedientes dos furtivos reincidentes para que paguen" -dixo-. "Eu non quero meter a ninguén no cárcere, pero esta xente ten que devolver con traballos sociais o dano que lle produce á sociedade".

A titular do Mar defende as campañas de promoción e consumo responsable de peixe postas en marcha polo Goberno galego porque o seu consumo está descendendo e está convencida de que "se os nenos aprenden no cole a comer ben, arrastrarán aos pais para que lles fagan boa comida nas casas".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí